Concello e Deputación poñen en marcha a Ronda Urbana coa construción do seu primeiro treito
Por Alejandro Espiño
O primeiro treito da Ronda Urbana propiamente dita xa está en marcha. Unha Xunta Municipal de Goberno urxente no Concello de Pontevedra deu luz verde á construción dun treito entre O Marco e Montecelo. Será a través dun convenio coa Deputación de Pontevedra polo que se investirán 2,42 millóns de euros.
Este primeiro treito da Ronda, o máis demandado, nace na zona da gasoliñeira do Marco, coa intención de mellorar as comunicacións en toda a zona leste da capital e en especial o acceso ao complexo Príncipe Felipe e ao Hospital Montecelo, moi dificultoso desde o sur.
A obra substituirá ao actual atallo que conforman as rúas das Pereiras, das Olivas e Ángel Limeses, claramente insuficientes, segundo o Concello de Pontevedra, para o tráfico que soportan na actualidade.
Do conxunto da obra, o Concello aportará 1,46 millóns e a Deputación 960.000 euros. A obra propiamente dita (1,8 millóns) será financiada ao 50% por cada administración, se ben o municipio corre cos gastos das expropiacións, estimadas en 560.000 euros, e a institución provincial co importe da redacción do proxecto, valorado en 60.000 euros.
O Concello aportará xa este ano 500.000 euros, que transferirá inmediatamente á Deputación, deixando os 400.000 euros restantes para os próximos tres anos. Pola súa banda, a Deputación divide os seus 900.000 euros entre 2013 e 2015.
Esta obra é unha máis das que se realizaron nos últimos anos pola cooperación entre dúas administracións como o vial e a ponte que unen Médico Ballina e Monte Porreiro, tamén coa Deputación, ou a Ponte das Correntes, na que participaron a Xunta e o Concello.
Todas estas iniciativas, recordan desde o goberno municipal, estaban previstas no plano de infraestruturas viarias aprobadas na M4 entre as catro administracións con competencias nos viarios pontevedreses: Concello, Deputación, Xunta e Ministerio de Fomento.