Fomento recibirá os veciños de Lérez que reclaman medidas de seguridade na estrada N-550
Por Oskar Viéitez
Un grupo de veciños de Lérez acudiron este xoves á Delegación Territorial do Ministerio de Fomento, situado no barrio de San Roque, coa intención de protagonizar un encerro nestas oficinas para reclamar adopción de medidas de calmado de tráfico e de seguridade na estrada N-550 ao seu paso pola parroquia pontevedresa. Unha chamada no último momento citándolles unha reunión con responsables do ministerio evitou finalmente a protesta.
A presidenta da Asociación de veciños San Bieito, María José Abilleira, explicou que o próximo martes ás 10.00 horas serán finalmente recibidos por un responsable desta unidade administrativa. A protesta de hoxe era unha resposta ao cansazo veciñal ante a falta de resposta ás súas solicitudes de entrevista "nas que non se nos fixo ningún caso".
Esta é unha máis das medidas reivindicativas que adoptan os veciños desta estrada nacional molestos porque dende o cruzamento de Alba ata a rotonda de Médico Ballina, "non existe ningunha forma de atravesar a vía", aseguraron.
En concreto, María José Abilleira, informou que existe un núcleo de poboación importante que a ambos os dous lados desta vía "non poden relacionarse de xeito normal sen poñer en perigo a súa vida". Ademais existen paradas de autobuses onde "os nenos pequenos teñen que coller o transporte escolar para ir ao colexio".
Estes veciños demandan a instalación de dous pasos de peóns regulados por semáforos de interruptor, e consideran "insuficiente" a prohibición de aparcar nas marxes da vía.
Os veciños aseguran que xa falaron co Concello de Pontevedra se ben o goberno local, que pediu a transferencia do vial a Fomento, non pode instalar medidas de calmado de tráfico ao non ser o titular da estrada. Segundo María José Abilleira, o goberno local comprometeuse a asumir o custo da instalación destes semáforos e só espera a autorización de Fomento.
Ademais, a reclamación de seguridade deste colectivo veciñal conta co aval da Dirección Xeral de Tráfico, que nun informe con data 27 de xaneiro de 2015, asinado polo xefe provincial de Tráfico, María Isabel Alonso de Linaje, avala a demanda dos veciños de Lérez para a mellora da seguridade vial na N-550.
Relacionadas:
-
Inician a instalación de semáforos na N-550 en Lérez
Por Redacción |
-
O atropelo dunha muller na Cendona abre de novo o debate da seguridade viaria no tramo urbano da N-550
Por Diego Espiño |
-
Fomento autoriza a instalación dos semáforos que reclaman os veciños de Lérez
Por Oskar Viéitez |
-
Veciños de Lérez volven tomar á estrada da Coruña para reclamar medidas que calmen o tráfico
Por Redacción |
-
Os veciños de Lérez estudan novas vías de protesta para esixir medidas de seguridade viaria na N-550
Por Diego Espiño |
-
Manifestación arredor da rotonda de Médico Ballina ao berro de "lombos xa"
Por Natalia Puga |
-
Veciños de Lérez reclaman a Fomento medidas de seguridade viaria na N-550
Por Diego Espiño |