"Queremos demostrar que te podes sentir guapa despois de pasar por unha mastectomía"
Por Ana López & Daniel Santomé
"Valente? Eu non creo que sexa unha valente. É certo que todo o mundo mo di, pero eu non considero que o sexa". Chus López ten 43 anos e este venres estreouse como modelo. A súa suba á pasarela foi moi especial. Ela nin mide un metro oitenta nin ten un corpo de infarto. É máis, para poder desfilar tivo que practicar nestes últimos días polo corredor da súa casa cos únicos consellos dos seus familiares, ningún, por certo, dedicado profesionalmente ao mundo da moda. Pero, sen dúbida ningunha, o maior mérito da súa decisión de lucir roupa de baño e interior en público é o feito de que fose sometida hai tan só un mes a unha mastectomía.
Chus é unha das oito mulleres que despois de pasar por un cancro de mama participaron na tarde deste venres no desfile de pezas de lenzaría e baño que acolleu o Edificio Sarmiento do Museo de Pontevedra na sala onde se atopa a exposición de fotógrafos de prensa de Pontevedra, onde tamén tivo lugar a I Xornada Oncolóxica de Nutrición e Estética. Rosa Goyanes, Elisabeth Cabezas, Rosa Delgado, Amalia Estévez, Isabel Carragal, Margarita Pazos, Conchi Martínez e ela luciron artigos adaptados para as mulleres ás que se lles extirpase un peito.
A pontevedresa asegura que tomar parte nesta iniciativa -organizada xunto coas conferencias por Acceda Ortopedia e Sendo- foi todo un reto e que, se é o caso, xurdiu "por pura casualidade". "Ese día viña dunha consulta médica na que me receitaran a prótese de silicona que debo utilizar mentres non me fan a reconstrución da mama. Propuxéronmo na tenda ortopédica e, como tiña a cabeza en mil cousas, non o dubidei: dixen que si. Evidentemente, en canto saín de alí arrepentinme, pero ao final, xa ves, aquí estou", explica entre risas.
"Para min saír a desfilar é un modo máis de normalizar o cancro de mama. Non vou dicir que é unha enfermidade como outra calquera, pero si que é algo polo que hoxe en día pasan moitas mulleres. Con isto queremos demostrar que se pode vivir igual e que te podes sentir guapa despois de pasar por unha mastectomía", engade, para facer referencia á participación de famosas nalgunhas campañas, como a de Bimba Bosé para Women'Secret este verán.
Como as mulleres normais que son, estes particulares modelos tamén teñen os seus complexos: "Pensas de todo. Que se che vai notar a barriga, que che van ver esa chicha que descubriches estes días, que vas caer dos tacóns... Pero despois dis que es unha muller das que chaman 'reais' e que todo isto é por unha boa causa e que non tes que demostrar nada". É curioso, pero ao final, nun día como o de hoxe, o do peito pasou a un segundo plano para elas.
"HAI QUE LEVALO O MELLOR POSIBLE"
A vida de Chus deu un xiro radical o pasado mes de xullo, cando lle diagnosticaron o cancro de mama. Agora, despois de tres intervencións cirúrxicas que remataron coa perda dun dos seos, recoñece que é un golpe moi duro e que psicoloxicamente costa moito verse sen el. "Sen dúbida, a mastectomía foi o peor, sobre todo porque no meu caso o equipo de Cirurxía intentou ata o último momento salvarme a mama. Pero ao final non puido ser e sofres porque te fixeras ilusións. Foron tres operacións nun mes e medio. Iso superoume". Aínda así, non perde o sorriso e o bo humor e afirma que hai que intentar levar todo o proceso, que é moi longo, o mellor posible". Neste sentido, recorda o primeiro día en que foi a unha sesión de quimioterapia. "Estaba alí fóra, esperando a que me chamasen. Acompañábanme o meu marido e a miña irmá. Eu choraba. Pero, e non é por quitarlle ferro ao asunto, pronto te afás. Nese sentido tiven sorte porque non tiven efectos secundarios que me obrigasen a estar na casa. Dentro do que cabe, puiden facer vida normal". Ademais, a raíz do tratamento coñeceu moitas persoas "que valen a pena".
"Aprendes a vivir o día a día. Minuto a minuto. Vida só hai unha e hai que loitar por ela"
Entre elas, outras pacientes de cancro de mama, "como Esperanza, coa que sigo mantendo o contacto, ou o persoal do Complexo Hospitalario de Pontevedra (CHOP), que na súa maioría se mostrou moi humano: as doutoras de Cirurxía; Amparo, a enfermeira que me fai as curas; as enfermeiras de quimio... ".
Ademais do apoio brindado pola súa familia e amigos, Chus buscou outros para soportar a enfermidade. "O que pensei foi: ben, a parte física xa ma controlan os médicos, pero como fago coa parte mental? para deixar de dar voltas á cabeza, para relaxarme. Entón comecei a facer ioga. Alí aconselláronme a meditación e a raíz diso coñecín o reiki e a Andrea, que me axudou moito e á que estou moi agradecida,".
Como toda persoa que pasa por un cancro e que sufriu, e segue sufrindo moito por iso, Chus pensa no seu futuro, pero non do mesmo xeito en que o facía antes: "Aprendes a vivir o día a día. Minuto a minuto. Vida só hai unha e hai que loitar por ela".
E pensando no seu futuro pero tamén no pasado e no presente, Chus entregou unha rosa no último pase do desfile a súa nai que, sentada entre o público, non puido reprimir as bágoas.