Xogos na rúa e creacións visuais para gozar na 'Cidade dos Nenos'
Por Cristina Saiz & Anxo Lourido
Este 28 de maio celébrase o 'Día Internacional do Xogo', un acontecemento que servirá para que Pontevedra se converta no espazo idóneo para a presentación de 'Imagine Elephants', un proxecto sobre o xogo e a infancia que desenvolve a asociación de Nigrán, Samthing Visual.
Esta iniciativa consiste na proxección o domingo 31 ás 19.00 horas no auditorio de Afundación dun webdoc no que se destaca a importancia do xogo espontáneo tanto dos nenos coma dos adultos, acompañada dunha conferencia de André Stern sobre o entusiasmo como monitor de aprendizaxe.
O documental recolle declaracións do pedagogo Francesco Tonucci, que foi quen comentou a Julián Maguna e a Elena Cruces as características de Pontevedra como modelo de cidade para os nenos, un modelo que permite que xoguen nas rúas. O webdoc permite que o espectador poida interactuar con todos os contidos do proxecto para escoller que temas lle interesan máis.
"Pontevedra suena a niños", afirmou Julián Maguna durante a presentación no Concello, coa concelleira de Cultura, Anxos Riveiro, das actividades que se van desenvolver ademais do domingo 31 de maio e o luns 1 de xuño na avenida de Monteiro Ríos. A compañía catalá Guixot de 8 despregará corenta xogos para interactuar cos nenos e cos maiores.
Previamente o documental presentarase en Madrid ante o comité de Educación e Deporte do Congreso dos Deputados, co obxectivo de subliñar o artigo 31, dedicado ao xogo, da Convención sobre os Dereitos dos Nenos. Este proxecto pedagóxico terá continuidade a través dun curso de extensión universitaria da Universidade de Vigo que se desenvolverá en setembro.