Louzán ofrece al BNG un "acordo sen límites" para gobernar en la Deputación
Por Oskar Viéitez & Cristina Saiz
O presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, ampliou este venres a súa oferta de pacto ao Bloque Nacionalista Galego cun "acordo sen límites, só pensando no interese xeral".
Na rolda de prensa habitual dos venres tras a xunta de Goberno, Rafael Louzán, gabou o labor feito polo BNG nesta institución e reiterou os seus argumentos a favor da súa proposta de pacto incidindo en que "dende o interese xeral" un goberno coaligado PP e Bloque "é a cuestión que máis interesa".
Para Rafael Louzán a disxuntiva dos nacionalistas é "abrir esta posibilidade ou desaparecer" xa que a súa situación actual é de "cero representantes nos concellos de Vigo e Ourense", e ademais "marxinado" na Deputación de Lugo e "tan só" tres alcaldías na provincia de Pontevedra. Por este motivo cominou aos nacionalistas que "valoren esta cuestión".
Fronte a isto Rafael Louzán referiuse á "posibilidade" de que presida a Deputación, Carmela Silva, a deputada socialista, Secretaria Segunda da Mesa do Congreso e tenente de alcalde en Vigo. Louzán sinalou que a Deputación estaría presidida por alguén a quen "non se lle recoñece a súa propia personalidade senón que está dirixido por outra persoa".
Ademais recordou que "esta persoa ocupa catro cargos públicos, non sei os que cobra". Sobre esta circunstancia dixo que no PSOE "a uns se lle tolera e a outros non se lle permite nada", en referencia ao principio acuñado polos socialistas galegos de "unha persoa, un cargo".
Para Rafael Louzán a disxuntiva dos nacionalistas é "abrir esta posibilidade ou desaparecer"
Finalmente Rafael Louzán insistiu en que "os grandes prexudicados poden ser os cidadáns de Pontevedra" xa que "nunca antes tiveron unha colaboración tan extraordinaria" apuntando que "seguiremos, sempre e cando nos dean a posibilidade".
RESPOSTA DE MOSQUERA
Este venres celebrouse o pleno ordinario da Deputación correspondente ao mes de maio, que apenas durou 8 minutos, e cuxo interese residiu na presenza dos principais actores en cuxas mans se encontra o futuro goberno provincial. Trátase de, ademais do propio Louzán, os voceiros do BNG e PSOE, César Mosquera e Santos Héctor, respectivamente.
"Eu teño vido aquí a uns cantos centos de plenos e nunca levantei tanta expectación, síntome unha auténtica estrela", dixo Mosquera rodeado dunha nube de xornalistas e a poucos metros de Louzán e Santos Héctor.
Mosquera reiterou que "se agora chega o PSOE e di que como antes o PP caciqueaba para un lado, agora nós imos a caciquear para o outro, por aí si que non conten connosco", e aclarou á proposta de pacto dos socialistas que "se o que se pretende son vendettas ou caciqueo, dicimos que non baixo ningún concepto, non o imos pasar".
Mosquera ao POSE: "se o que se pretende son vendettas ou caciqueo, dicimos que non baixo ningún concepto"
Tamén valorou César Mosquera a oferta de "acordo sen límites" formulada por Rafael Louzán apuntando que "isto entra dentro da liña que abriu a lideresa Esperanza Aguirre". "Cando se fan ofertas desas publicamente, dan moito que falar, pero substancia teñen pouca, dígoo por experiencia. Non ten máis recorrido que ese", valorou.
As liñas vermellas que se marcan os nacionalistas pasan polo "principio absolutamente irrenunciable que esta casa funcións coa máxima equidade e igualdade", dixo Mosquera.
O voceiro provincial do BNG quixo mandar unha mensaxe "tanto aos alcaldes e alcaldesas como aos ciudadáns", para advertir que "ese sesgo habitual que poderiamos chamar caciquil que sempre tivo esta casa, que nos últimos tempos foi mellorando e iso hai que recoñecelo, pois noso obxectivo é que desapareza".
"Iso de que a deputación en principio era de Lalín, logo da Cañiza, ou do Salnés, no que a nós dependa non será de ninguén", declarou César Mosquera. "Que os concellos pequenos queden tranquilos nese sentido", apostillou.
César Mosquera entende que "por afinidades ou menor distancia, o máis natural e máis probable é que isto vaia a un goberno do PSOE connosco, entrando ou non entrando" pero pediu "calma", porque segundo dixo o BNG vai seguir a súa "a folla de ruta que fixemos sempre", tendo en conta que o Bloque é unha formación asemblearia e que existe un acordo programático.
"Non hai nestes momentos absolutamente nada", resumiu. Tramitarase dentro de 15 ou 20 días, "pero non antes de ningún xeito porque sería un acordo fraudulento. Non podemos facer contas sen escoitar o que digan nosos afiliados, sen arriscarnos a facer o ridículo", concluíu.
SANTOS HÉCTOR REITERA A OFERTA DO PSOE
Finalmente o secretario xeral do PSdeG-PSOE na provincia de Pontevedra, Santos Héctor, valorou a oferta de "acordo sen límites" do PP ao BNG sinalando que "cada un fai a súa proposta, é lexítimo que a faga, eles terán que valorar".
Pola súa banda os socialistas ratificaron onte á noite na Comisión Executiva a súa oferta ao BNG "para facer un pacto de progreso para a Deputación de Pontevedra que esperamos que sexa atendida", dixo.
Para Santos Héctor os electores de Pontevedra "falaron alto e claro e dixeron queren que ao Partido Popular fose do goberno da Deputación e que queren un goberno de progreso formado polo PSOE e o Bloque", trátase dun mandato da cidadanía "claro e nítido", explicou.
Relacionadas:
-
Carmela Silva, elixida oficialmente candidata a presidir a Deputación: "Es un honor y una enorme emoción"
Por Alejandro Espiño |
-
Un bolero mexicano para Louzán
Por Oskar Viéitez & Cristina Saiz |
-
Louzán insta ao BNG a "madurar e facerse adulto" de cara a afrontar pactos de goberno co PP
Por Oskar Viéitez |
-
Lores, sobre os posibles acordos na Deputación: "É obvio que o BNG non vai facer un pacto co PP"
Por Natalia Puga |
-
Louzán tende a man ao BNG para pactar unha coalición de goberno na Deputación
Por Oskar Viéitez |
-
Mosquera rexeita un pacto co PSOE na Deputación "só para aplaudir"
Por Redacción |
-
O PSOE propón un "pacto de progreso" para cambiar o goberno na Deputación "de Mariano Rajoy"
Por Oskar Viéitez |