Campaña para a prevención da obesidade infantil nas farmacias de Pontevedra
Por Redacción
Co obxectivo de conseguir que os hábitos saudables de alimentación e exercicio físico sexan parte integrante e habitual do estilo de vida da poboación infantil e xuvenil de Pontevedra, nas farmacias da provincia informarase e sensibilizará os pais e os nenos da importancia de previr a obesidade infantil.
Ao longo da campaña que se desenvolverá dende o 1 de xuño ata o 10 de xullo, os farmacéuticos realizarán nenos de entre 4 e 18 anos un test que valorará a súa adherencia á dieta mediterránea e establecerán o seu percentil a partir do seu peso e a súa talla.
Aos nenos cuxa alimentación non sexa a axeitada, o farmacéutico faralles un seguimento, con apoio nunhas fichas didácticas sinxelas e moi visuais, informándoos sobre os beneficios dunha correcta nutrición e de practicar exercicio físico.
O 26% dos nenos de 6 a 12 anos galegos presentan sobrepeso
De acordo cos datos facilitados pola Consellería de Sanidad no ano 2014, o 26% dos nenos de 6 a 12 anos galegos presentan sobrepeso e un 9% chegan ao límite da obesidade, é dicir, o 35% dos menores que están cursando Educación Primaria están afectados en maior ou menor grao por este problema, que non é alleo tampouco á poboación adulta.
A presidenta do Colexio de Farmacéuticos de Pontevedra, Alba Soutelo, destacou o valor do papel que os farmacéuticos comunitarios poden desempeñar na prevención da obesidade en nenos e mozos, pola súa experiencia como educadores sanitarios e pola proximidade das farmacias á poboación.
En caso de detectar parámetros que determinen risco de obesidade, o farmacéutico recomendará que o neno acuda ao pediatra ou ao médico, se é maior de 14 anos, para a súa valoración.