Extremen a precaución durante a noite de máis risco nas estradas
Por Oskar Viéitez
A Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e a Dirección Xeral de Tráfico coinciden en sinalar que a de Fin de Ano é a noite con máis risco nas estradas.
Por este motivo reiteran un chamamento aos condutores e tamén aos peóns para que extremen as precaucións.
A Garda Civil reforza os seus servizos en toda a rede viaria e incrementa os controis de alcoholemia, especialmente de madrugada e a primeiras horas da mañá ante esta previsión dun maior número de desprazamentos.
O 061 pediu, ademais, evitar o consumo de alcohol nos condutores e recordou que os efectos do mesmo non só incrementan o risco de sufrir accidentes, senón que, no caso de ter un, dificulta as tarefas dos servizos sanitarios a interferir o alcohol cos fármacos suministrados.
Así mesmo, recordou aos peóns a importancia de facerse ver si circulan ou cruzan por estradas. Así, indicou que case un 10 por cento das vítimas de accidentes de tráfico son peóns e as súas lesións adoitan ser moi graves pola fraxilidade do corpo ante os vehículos en movemento.
Para rematar, informou de que o pasado 2011, entre os días 30 de decembro e 1 de xaneiro de 2012, atendéronse 76 accidentes e prestouse asistencia a 90 vítimas, entre as que houbo dous falecidos.