Lores fai as paces coa Brilat mentres Louzán se enfunda a boina
Por Natalia Puga & Cristina Saiz
O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, fixo as paces coa Brigada de Infantaría Lixeira Aerotransportable (Brilat). Este xoves, case catro anos despois da última vez, participou nun acto oficial na base General Morillo, situada en terreos de Pontevedra, Vilaboa e Marín. No pasado si asistiu a actos soltos nas instalacións militares, pero nos últimos anos optara por declinar os convites a este tipo de citas e a súa última presenza rexistrada polos medios de comunicación remóntase ao ano 2011, con motivo da conmemoración da patroa da Arma de Infantaría, a Inmaculada Concepción.
Para reconciliarse coa Brilat Lores elixiu a cita máis importante do ano na base General Morillo, a parada militar que conmemora o aniversario do primeiro aerotransporte da Brigada, que este 7 de xuño cumprirá 49 anos. O acto, que contou con gran número de autoridades, tamén deixou unha instantánea diferente, o presidente da Deputación Provincial de Pontevedra, Rafael Louzán, enfundado na boina da Brigada.
A Deputación Provincial recibiu este ano o premio Azor que concede cada ano a Brigada "por su constante defensa de la imagen y valores de las Fuerzas Armadas, y muy especialmente de la Brilat". O recoñecemento leva aparellada a entrega da boina oficial e Louzán non dubidou enfundarlla, de aí a orixe da aberta imaxe.
Este premio cobrou especial protagonismo no acto e o propio xeneral da Brigada, Luis Cebrián Carbonel, fixo unha mención durante a súa alocución ao agradecer o seu "apoio constante e desinteresado". Consideran que a institución é "clave para trasladar a los pontevedreses y a todos los gallegos la idea de propiedad sentimental que tienen el legítimo derecho a sentir sobre la que es su brigada".
Ademais da Deputación, foron protagonistas indiscutibles do acto os cabos Juan Rodríguez Rodríguez e Javier García Crespo. O 13 de novembro de 2006 sobreviviron a un atentado terrorista en Afganistán cando circulaban nunha columna militar entre as localidades de Herat e Farah e recibiron o ataque dun vehículo talibán suicida. Este xoves recibiron a encomenda da Real Órden de Reconocimiento Civil ás Vítimas do Terrorismo.
No acto tamén se entregaron tres cruces ao Mérito Militar con Distintivo Branco, unha Cruz da Real e Militar Órden de San Herminigildo e unha decena de cruces á Constancia a solidados da Brigada. A todos eles se dirixiu o xeneral no seu discurso, no que anunciou o próximo reto da Brilat, que implicará á práctica totalidade da unidade: a xeración e activación da primeira Brigada de Muy Alta Disponibilidad da OTAN.
Trátase, segundo indicou, dunha "exigente nueva iniciativa" da Alianza Atlántica para atender os desafíos de seguridade que se presentan actualmente aos aliados. Esa brigada, que incluirá outras unidades do Exército de Terra e de países aliados, organizarase nos próximos meses sobre a base e en torno á Brilat. Mostrouse "orgulloso de haber sido seleccionados para ser los primeros".
Relacionadas:
-
O novo xeneral da Brilat márcase como reto ampliar espazos de adestramento fóra da base
Por Natalia Puga & Cristina Saiz |
-
Se estiveches na festividade da Inmaculada na Brilat, é posible que aparezas aquí
Por Mónica Patxot |
-
A Brilat celebra o seu 49 aniversario
Por Redacción |
-
A Brilat planifica xa a operación 'Centinela Gallego' e en setembro comezará o seu adestramento para Mali
Por Natalia Puga |