María Ramallo anuncia a composición do goberno para o seu segundo mandato en Marín
Por Redacción
Nove días antes de que tomen posesión os integrantes da nova corporación municipal, María Ramallo anunciou a composición do goberno para o que será o seu segundo mandato como alcaldesa de Marín. A devandita organización foi ultimada nunha reunión celebrada este mércores por parte dos once concelleiros que terá o Partido Popular no municipio durante os próximos catro anos.
Trátase dunha repartición de áreas que deixa poucas novidades con respecto ao goberno actual. Seguirán sendo tres as persoas que terán dedicación exclusiva para o traballo municipal. Ademais da propia María Ramallo serán Manuel Santos, que suma as competencias de Personal ás que xa tiña como edil de Urbanismo e Facenda; e Marián Sanmartín como concelleira de Medio Ambiente e Benestar Social.
Esta última área asumirá tamén as competencias de educación, igualdade e servizos sociais e contará co apoio do edil Benito Touriño.
A área de Cultura e Festas repartirana María José de Pazo, nova na corporación; e Beatriz Rodríguez que continuará levando a área cultural. Pablo Novas asumirá a área do Rural compartindo aspectos con José Cidrás ao igual que este tamén colaborará con Antonio Traba no tema de deportes.
Pola súa banda, a concellaría de tráfico será da competencia de Paco Estévez como ata agora, pasando a denominarse Tráfico, Policía Local e Mobilidade, coa colaboración nalgúns aspectos de Benito Touriño para determinados asuntos da zona urbana. Ademais, Cristina Acuña seguirá como responsable da área de Turismo e Comercio.
Esta organización axudará, sinala María Ramallo, a que o período de adaptación do novo goberno sexa practicamente inexistente, xa que a maior parte deles xa se encontran traballando nas áreas que coordinarán a partir do 13 de xuño. Todo iso, dixo, co obxectivo de manter a "óptima coordinación" entre as áreas de goberno e planificar todas as actuacións para que sexan "priorizadas e compensada" ao respecto de lugares e áreas de goberno.
Relacionadas:
-
María Ramallo contará con dous concelleiros liberados no novo goberno municipal
Por Redacción |
-
Manuel Santos convértese en "superconcelleiro", ao asumir as áreas de Urbanismo, Facenda e Persoal
Por Redacción |
-
María Ramallo asume o bastón de mando de Marín prometendo "traballo, moito traballo"
Por Redacción |
-
María Ramallo: "La mayoría absoluta es un éxito que está al alcance de pocos"
Por Redacción |
-
Eleccións 24M: María Ramallo repetirá como alcaldesa en Marín e Marea terá tres concelleiros
Por Redacción |