Deteñen un pontevedrés que mercou droga para vendela nunha festa de Fin de Ano
Por Natalia Puga
A Policía Local de Pontevedra frustrou horas antes de que se rematase o ano a posibilidade de que se vendese cocaína, haxix e marihuana nunha festa de Fin de Ano que se celebrou na cidade. Detivo a persoa que pretendía distribuír a droga e unha segunda persoa que previamente lle subministrara a el a substancia estupefaciente.
Unha patrulla policial sorprendeu unha transacción de droga no interior dun vehículo estacionado en dobre fila na rúa Ramón Cabanillas. Sobre as 18.30 horas os axentes viron dúas persoas coñecidas pola súa relación co consumo e venda de drogas no interior do coche e observaron como un entrega o outro diñeiro a cambio de diferentes efectos, entre eles, unha caixa do medicamento Almax.
Pouco despois os dous individuos arrancaron o vehículo e dirixíronse a gran velocidade ás rúas Anxo Amor Ruibal e Loureiro Crespo cara a 12 de Novembro. Nesta vía un deles apeouse do vehículo levando con el unha bolsa azul mentres o outro seguiu a marcha.
A Policía Local observou unha transacción dentro dun coche e detivo os dous protagonistas
Os axentes déronlle o alto e o home, que resultou ser un veciño de Pontevedra de 33 anos, recoñeceu os axentes, con actitude abatida, que acababa de comprar unha importante cantidade de droga para fender nunha festa que se celebraría en Noitevella.
O home foi cacheado polos axentes e encontráronlle nos petos da cazadora e o pantalón catro envoltorios cunha substancia que supostamente era cocaína, sete landras de haxix, 180 euros en metálico e un teléfono. Na bolsa de cor azul que portaba levaba, dentro da caixa de Almax, tres bolsas pequenas con marihuana.
A Policía Local procedeu á súa detención como presunto autor dun delito contra a saúde pública. O home recoñeceu que acababa de pagar 460 euros polas landras de haxix, 50 euros pola marihuana e 150 pola cocaína.
Dúas horas máis tarde, ás 20.30 horas, os axentes locais localizaron na rúa Ernesto Caballero ao outro individuo que ía no coche, un home de 42 anos ao que se lle atribúe ter subministrado a droga ao primeiro detido e ao que tamén se lle imputa un delito contra a saúde pública. Levaba enriba un landra de hachix e 0,7 gramos de cocaína.
Ambos os dous pasaron a noite na Comisaría da Policía Nacional e foron postos a disposición do Xulgado de Garda ao mediodía deste martes 1 de xaneiro.