Pontevedra amence en rebaixas
Por Oskar Viéitez
Os comercios pontevedreses decidiron facilitarlles as cousas aos Reis Magos adiantando as rebaixas.
A lei agora permíteo.
O Goberno central aprobou o pasado verán un decreto lei de medidas de liberalización do comercio que inclúe, entre outras accións, a eliminación de calquera restricción existente en relación as rebaixas.
Isto quere dicir que as tendas son libres para iniciar e concluír estes periodos de descontos cando así o prefiran. Ata agora, establecíanse dúas épocas ben diferenciadas.
Por unha banda, as rebaixas de inverno comezaban o 7 de xaneiro e finalizaban dous meses despois, o mesmo tempo para as de verán, que, neste caso, iniciábanse o 1 de xullo.
Nun paseo pola zona comercial de Pontevedra comprobamos que moitas tendas decidiron acollerse á nova lei estatal e adiantar as rebaixas para intentar incentivar o consumo. Pero non todos.
As tendas do grupo Inditex -Zara, Pull & Bear, Massimo Dutti, Berskha, Stradivarius e Oysho, entre outras, non comezarán as rebaixas antes do 7 de xaneiro.
Cada pontevedrés gastará uns 75 euros nestas rebaixas de inverno, segundo a Federación de Usuarios-Consumidores Independentes (FUCI).
O presidente da federación, Gustavo Samayoa, sinala no escrito que se pasou de comprar por capricho a comprar por necesidade, xa que son moitos os consumidores que esperan aos periodos de rebaixas para comprar con descontos o que non poden comprar a prezo normal".