O concurso nacional de recortadores substitúe ao cuarto festexo da Feira da Peregrina 2015
Por Ramiro Espiño
Repiten presenza Enrique Ponce, 'El Juli', Miguel Abellán e 'El Fandi', ademais do cabaleiro Diego Ventura. Volven a San Roque Morante de La Puebla e Francisco Rivera Ordóñez 'Paquirri', xunto co rejoneador Pablo Hermoso de Mendoza. Debuta como única cara nova o tamén rejoneador Leonardo Hernández. Forman o cartel da Feira taurina da Peregrina 2015, que foi presentado na mañá deste martes por Eduardo Lozano, propietario da Praza de Touros de Pontevedra, a quen acompañaba o xerente, Pedro Antonio Rivas Fontenla.
Pero a verdadeira novidade é a perda do cuarto festexo, a "consecuencia de la crisis económica" como dixo Lozano, que será substituído polo Concurso nacional de recortadores con touros, un espectáculo que queda fora do aboamento tradicional para os afeccionados e que contará con prezos populares, "alrededor de 18 euros para los adultos y 10 para los niños", sinalou o propietario da praza.
Os tres festexos serán os días 8, 9 e 15 de agosto, quedando o espectáculo de recortadores para o día 16 de agosto.
Enrique Ponce, con Morante de La Puebla e 'El Juli' abrirán a feira o sábado 8 de agosto, lidando touros de Alcurrucén, na que se considera corrida estrela do cartel. De feito Eduardo Lozano manifestou estar convencido de que se esgotará o papel nas billeteiras.
Ao día seguinte, domingo 9 de agosto, celebrarase a corrida de rejoneo, con touros de Capea e un aliciente especial como é ver no mesmo cartel por primeira vez esta tempada ás dúas máximas figuras do toureo a cabalo, Pablo Hermoso de Mendoza e Diego Ventura. A tensión das relacións entre ambos os dous garante rivalidade e espectáculo. Xunto a eles completa cartel o mozo rejoneador pacense Leonardo Hernández.
Para o sábado día 15 de agosto queda a denominada 'corrida mediática'. Repiten presenza os dous triunfadores do ano pasado, Miguel Abellán e 'El Fandi', que conseguiran cortar tres orellas, cada un, e con eles regresa a Pontevedra Francisco Rivera Ordóñez 'Paquirri', un destro que nas súas participacións na feira pontevedresa non tivo excesiva sorte, a pesar de gozar do favor dun importante sector de afeccionados.
Serán as tres corridas consideradas de aboamento, xa que o espectáculo do domingo día 16 de agosto, co Concurso nacional de recortadores con touros está fóra do devandito aboamento, o que fará que o prezo se reduza de forma proporcional ao perder un festexo.
Eduardo Lozano quixo remarcar que por sétimo ano consecutivo se manteñen os prezos para cada festexo, ademais de afirmar que a intención da empresa é recuperar a cuarta corrida de touros "tan pronto la situación económica mejore y lo permita".
Ademais, de acordo coa Coordinadora de Peñas Taurinas de Pontevedra, o domingo 21 de xuño a praza de touros acollerá unha becerrada con participación do matador Eugenio de Mora, que lidará catro vaquillas, mentres dúas cuadrillas formadas por afeccionados e membros das peñas tourearán outras dúas becerras.
Relacionadas:
-
Os triunfadores de San Isidro tamén estarán na Feira Taurina da Peregrina
Por Marisa Ciordia | Creada e actualizada
-
Triunfo de "El Juli", grandes detalles taurinos de Morante de la Puebla e nova decepción de Ponce
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado |
-
Colas nos despachos do coso de San Roque para adquirir entradas
Por Cristina Saiz |
-
Os antitaurinos solicitan un encontro con Lores
Por Redacción |
-
Unha capea coma aperitivo para a tempada taurina 2015
Por Diego Torrado |
-
Nova imaxe para a Feira da Peregrina, que contará este ano cun innovador cartel
Por Redacción |
-
Perera, Iván Fandiño, Daniel Luque, Ponce, Castella, Abellán ou 'El Juli', atractivos da Feira da Peregrina 2014
Por Alejandro Espiño |