Bailes solidarios contra o cancro
Por Redacción
O Centro Social Afundación de Pontevedra puxo este venres a súa cara máis solidaria coa celebración do Festival Contra o Cancro organizado pola academia de baile Factory Dance, que ten a súa sede no Ximnasio Odisea Sport.
Por terceiro ano consecutivo a academia organizou esta gala, na que participaron preto de 150 bailarins de diferentes idades.
O auditorio rozou o cheo durante as case tres horas de gala, con presenza de moitos pais e amigos dos nenos e nenas protagonistas das actuacións.
Os asistentes aboaron tres euros a xeito de entrada, un donativo que se destina integramente á Asociación Española contra o Cancro.
Nas actuacións, protagonizadas por nenos e adultos, puidéronse observar distintas clases de danza, dende rumba ou salsa pasando por baile moderno, hip-hop e danza do ventre.
O evento contou ademais coa colaboración dun grupo de capoeira.