Telmo Martín lánzase a recuperar os "desprazados do PP en Sanxenxo" entre críticas ao goberno de Catalina González
Por Oskar Viéitez
O voceiro do Partido Popular en Sanxenxo (Pontevedra) e deputado no Congreso, Telmo Martín, anunciou a súa intención de "recuperar" para as filas da súa formación política aos "desprazados do PP de Sanxenxo", ao tempo que criticou o anterior goberno encabezado pola súa compañeira de partido Catalina González pola súa "falta de humildade e de cercanía".
"Ábrese unha nova etapa e a partir de agora as portas do Partido Popular van estar abertas para todas as persoas que no pasado se sentiron desprazadas", proclamou Telmo Martín nunha rolda de prensa. A súa mensaxe estaba especialmente dirixido a aquelas persoas "que estaban no PP antigamente" e que segundo o dirixente popular "volverán estar aquí, porque creo que é onde mellor están xustificados os seus valores e principios", dixo.
Martín González non quixo aclarar se a súa mensaxe está dirixida aos membros de Sanxenxo Agrupación Liberal (SAL) cuxo candidato, Gonzalo Pita, é dende este sábado novo alcalde do municipio grazas a un pacto de catro partidos. "Eles saben perfectamente a quen me refiro e o meu traballo é darlle motivos e razóns abondo para que volvan estar aquí", engadiu o xefe da oposición.
Segundo Telmo Martín o PP antes das eleccións xa era consciente de que "as cousas estaban mal" en Sanxenxo e interpreta que os mandatarios populares "empezan a corrixir os erros coa petición que me chaman a min para que volva ser o candidato", asegurou. "Dígoo con humildade, non me quero sentir o rei de nada", engadiu a continuación.
Por este motivo Telmo preguntouse "que tería pasado se eu non tivese sido elixido candidato dous meses antes das eleccións e o tivese sido hai sete ou oito meses e que tería pasado se non tivese feito o PP cambios en Sanxenxo"
O pasado 24 de maio o Partido Popular obtivo en Sanxenxo menos votos que en 2011 (3.706 fronte a 4.226), unha circunstancia que preocupa ao líder dos populares neste municipio, Telmo Martín quen anunciou a súa intención de "rectificar".
O ex alcalde formúlase dúas preguntas: "onde" se foron eses votos e "por que" as persoas elixiron outras opcións. Neste sentido, Telmo Martín cre que o destino de 1.200 deses votos foi para SAL, e outras "400 persoas decidiron non ir a votar, absterse".
FALTA DE AUSTERIDADE
Dende o seu punto de vista, as razóns que explican esa baixada de votos son "evidentes". Segundo Telmo Martín "dende o ano 2007" (cando Telmo deixou a alcaldía de Sanxenxo para concorrer á Alcaldía de Pontevedra) "o partido empezou a dividirse, e persoas que mantiveran un peso importante no goberno de Sanxenxo entre o 1999 e 2007 sentíronse desprazadas e aquilo rematou no ano 2011 co nacemento doutra formación política".
Sobre o mandato de Catalina González: "o goberno do PP perdeu a humildade e a proximidade"
Por outra parte, ás divisións Telmo Martín suma a "falta de austeridade" do goberno de Sanxenxo rexido pola popular Catalina González "porque mentres estalaba a crise, mentres en España había moita xente pasándoo moi mal, Sanxenxo daba que falar polos soldos dos seus dirixentes", afirmou.
A isto engade Telmo Martín que "malia o aviso" que supuxo a perda da maioría absoluta no ano 2011 "o gasto do goberno local do PP seguiu sendo moi alto".
Nas súas críticas ao goberno da ex alcaldesa do PP, Catalina González, o seu compañeiro de partido engade unha última circunstancia que segundo el, propiciou a situación actual e é que "o goberno do PP perdeu a humildade e a proximidade".
CONGRESO LOCAL
Nos próximos días Telmo Martín reunirase co presidente provincial do Partido Popular, Rafael Louzán para abordar a convocatoria do un congreso local "non penso perder nin un segundo máis".
O dirixente popular recordou que calquera militante se pode presentar "eu vouno facer, iso está claro" pero asume que "haberá máis persoas que terán a súa ilusión e ganas por presentarse".
Entre os motivos de tanta urxencia para celebrar este congreso local está que "dentro de poucos meses vai haber unhas eleccións xerais" e o Partido Popular "ten que estar perfectamente organizado e estructurado", sinalou.
Finalmente Martín anunciou que a sede do PP permanecerá aberta "mañá e tarde" para atender a veciños e afiliados "xa estivo pechada durante moito tempo", lamentou.
Relacionadas:
-
Gonzalo Pita, elixido alcalde de Sanxenxo entre vítores e aplausos
Por Oskar Viéitez |
-
O catripartito de Sanxenxo escenifica a súa unidade antes do pleno de investidura
Por Diego Espiño |
-
SAL 'rompe' con Telmo Martín e ultima a formación dun catripartito en Sanxenxo
Por Redacción |
-
"Respecto que o partido optara por Telmo, pero teríame gustado moito que as formas foran outras"
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |