Ciudadanos, primeiro partido que acepta a oferta do BNG para participar na Xunta de Goberno
A primeira Xunta de Goberno que, de xeito formal, se celebrou no novo mandato incluíu as primeiras seis medidas que o BNG se comprometeu a impulsar nos primeiros 100 días de goberno. "Iniciamos a acción de goberno cun ritmo elevado", sinalou o voceiro municipal, Raimundo González, que foi o encargado de detallar as actuacións que se aprobaron neste primeiro encontro.
Dúas delas están relacionadas con encontros institucionais. Por un lado, o goberno municipal acordou solicitar unha entrevista coa ministra de Fomento, Ana Pastor, para impulsar os proxectos do paseo entre Mollabao e Marín e a vía verde polo tramo ferroviario entre Pontevedra e Arcade; e por outro, unha reunión co presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, para analizar con el temas de competencia autonómica.
Con respecto a este segundo encontro, Raimundo González explicou que o Concello elaborará un informe sobre os asuntos que queren discutir co xefe do Executivo autonómico.
Ademais, a Xunta de Goberno acordou poñer en marcha catro temas "complexos" e por iso, segundo González, están entre estas primeiras medidas que se aprobaron.
Entre elas, impulsarase o novo acceso a Monte Porreiro dende a parte traseira dos antigos terreos de Tafisa, ultimando a redacción do proxecto para ser remitido á nova Deputación; elaborarase o proxecto de centraliade parroquial de Salcedo, que formará o triángulo entre A Igrexa, o colexio de Cabanas e a Casa de Cultura; poñerase en marcha a rede de voluntariado municipal e encargarase o anteproxecto para o parque forestal da Fracha.
MARÍA REY, PRESENTE NA XUNTA DE GOBERNO
Nesta primeira Xunta de Goberno estivo presente María Rey, concelleira de Ciudadanos. É a primeira edil que acepta a oferta do BNG se asistir con voz, pero sen voto a estas reunións. Asegura que, salvo imprevistos, asistirá a elas semanalmente "porque es un buen ejercicio de transparencia". Segundo Raimundo González, poderá participar nos debates e mesmo poderá presentar asuntos para a súa posterior análise.
O apoio do Concello á marcha contra ENCE do próximo sábado e o pagamento dunha certificación das obras da nova Casa da Cultura de Salcedo por valor de algo máis dun millóns de euros foron outros dos asuntos tratados nesta primeira Xunta de Goberno do mandato 2015-2019.
Relacionadas:
-
Aumentan a asignación municipal aos partidos e as retribucións aos edís sen dedicación exclusiva
Por Alejandro Espiño |
-
Propoñen once dedicacións exclusivas no Concello e dar entrada a todos os partidos nas comisións
Por Alejandro Espiño & Cristina Saiz |
-
Lores comeza o seu quinto mandato pedindo "borrón e conta nova" nas relacións con Xunta e Estado
Por Diego Espiño & Cristina Saiz |
-
Lores presenta un goberno con poucos cambios: "O que funciona ben non é o convinte cambialo"
Por Alejandro Espiño |