Propoñen once dedicacións exclusivas no Concello e dar entrada a todos os partidos nas comisións
Celebrada a investidura de Miguel Anxo Fernández Lores como alcalde de Pontevedra, os cinco partidos que estarán na nova corporación puxéronse mans á obra para pechar canto antes os criterios de organización da actividade municipal durante os próximos catro anos. Todos eles mantiveron este luns unha primeira reunión na que o BNG presentou a proposta que, como goberno municipal, realiza para ordenar estas cuestións.
Neste sentido, o BNG propón que, fronte ás quince dedicacións exclusivas que chegou a haber no anterior mandato, haxa unicamente once. Oito delas serían para o BNG -incluídas a do alcalde e a de Carme da Silva como tenente de alcalde-, dous para o Partido Popular e unha para o PSOE. O criterio para os partidos da oposición sería unha por cada catro concelleiros ou resto de tres.
O salario sería o mesmo que ata agora. O alcalde cobraría 63.831,12 euros, distribuídos en doce pagas mensuais e dúas extraordinarias; mentres que o tenente de alcalde cobraría 57.736,42 euros anuais. O resto dos edís que teñan dedicación exclusiva, estean no goberno ou na oposición, cobrarían 43.865,30 euros, tamén repartidos en doce pagas mensuais e dúas pagas extraordinarias.
Ademais, cada grupo político recibiría unha asignación fixa de 2.500 euros ao mes para financiar gastos de funcionamento -no anterior mandato eran 3.000 euros mensuais- e outra variable de 260 euros ao mes por cada concelleiro.
A este diñeiro habería que sumar -salvo aqueles que teñan dedicación exclusiva- 250 euros por asistencia a pleno (que pasarán a celebrarse o terceiro luns de cada mes a partir das doce da mañá), 110 euros por cada Xunta de Goberno, 90 euros por asistir unha comisión informativa -110 se se exerce a presidencia- e 60 euros por cada xunta reitora do Pazo aá Cultura ou do Instituto Municipal de Deportes.
Todos os grupos acordaron estudar esta proposta e volver reunirse este martes, a partir das doce e media da mañá. O Pleno de organización está previsto para este xoves.
COMISIÓNS INFORMATIVAS, PERSOAL EVENTUAL E ALTOS CARGOS
A proposta do BNG inclúe a creación de cinco comisións informativas: Réxime Interior, Persoal e Xurídica; Ordenación do Territorio, Urbanismo e Medio Ambiente; Benestar Social, Cultura e Dinamización Sociocultural; Mobilidade, Infraestruturas, Obras e Servizos e Economía, Facenda, Contratación, Promoción económica e Turismo. En todas elas habería catro edís do BNG, dous do PP e un de PSOE, Marea e Ciudadanos.
Con respecto aos altos cargos, o goberno municipal propón que haxa cinco directores xerais que serían, en todo caso, funcionarios do propio Concello e non persoal externo. Serían nas áreas de Alcaldía, Deportes, Protección Cidadá, Ordenación da Mobilidade, Obras e Servizos; e Sostemento de Espazos Públicos e Disciplina Ambiental.
Por último, mantéñense tres prazas de persoal eventual adscritos á Alcaldía -coordinación, protocolo e prensa- e asígnase a cada grupo político con máis de seis membros (BNG e PP) a posibilidade de contratar un auxiliar administrativo cada un.
ACORDO NOS ÓRGANOS COLEXIADOS
Onde si parece que xa hai acordo, segundo sinalaron varios dos interesados, é na distribución da representación política nos diferentes órganos colexiados.
Así, nas comisións de deslinde con Poio e Marín haberá un edil de BNG, PP, PSOE e Marea Pontevedra; mentres que no Consello da Muller e no Consello Económico e Social (CES) estarán tamén estes catro partidos e Ciudadanos.
No Instituto Municipal de Deportes haberá catro concelleiros do BNG, dous do PP e un de PSOE, Marea e Ciudadanos; e no Pazo da Cultura, ademais do alcalde e Anxos Riveiro como concelleira de Cultura haberá un representante de PP, PSOE e Marea. Por último, na sociedade Turismo de Pontevedra terán representación dous membros do BNG e un de cada un dos outros catro grupos municipais: PP, PSOE, Marea e Ciudadanos.
Relacionadas:
-
Ratifican no Pleno, grazas á abstención do PP, o reparto de retribucións municipais
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Aumentan a asignación municipal aos partidos e as retribucións aos edís sen dedicación exclusiva
Por Alejandro Espiño |
-
Sen acordo na organización municipal, o BNG presentará unha 'contraoferta' antes do Pleno
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Ciudadanos, primeiro partido que acepta a oferta do BNG para participar na Xunta de Goberno
Por Alejandro Espiño & Cristina Saiz |
-
Lores comeza o seu quinto mandato pedindo "borrón e conta nova" nas relacións con Xunta e Estado
Por Diego Espiño & Cristina Saiz |