Agustín Fernández cualifica de "miserables" os investimentos da Xunta para os colexios de Pontevedra
Por Alejandro Espiño
202.000 euros para o colexio Froébel. ÿ a partida que recollen os Orzamentos Xerais para 2013 da Xunta de Galicia para as obras de reforma deste centro educativo. Unha cantidade "miserable", segundo o concelleiro de Educación, Agustín Fernández, que demostra, dixo, a "desidia absoluta co que o goberno galego trata a este concello".
O edil socialista recordou que do investimento inicial de 1,8 millóns de euros, "ao final quedouse en 1,3 millóns", aínda que a consignación presupuestaria para 2013 "nos fai pensar que ese investimento finalmente non chegará aos 800.000 euros". Algo que preocupa ao goberno local, ao entender que o estado do centro fai "moi necesaria" esa reforma integral.
Neste sentido, Agustín Fernández apuntou que o Concello de Pontevedra está realizando un esforzo "moi importante" en materia de obras en colexios do municipio, unha actuación, explicou, "que vai máis alá do que nos corresponde", e criticou que os orzamentos económicos non recolla partidas para ningún dos outros 20 colexios pontevedreses.
Fernández recordou que a Xunta de Galicia descartou a construción do novo CEIP de Valdecorvos e do novo edificio da escola de hostalería Carlos Oroza, para os que "non hai nin un peso", malia o comprometido públicamente polo conselleiro de Educación, Jesús Vázquez, e o propio presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo.
O responsable de Educación no goberno local vencellou esta situación ás "liortas internas" no PP de Pontevedra, ao entender que "son incapaces de influír nas decisións da Xunta de Galicia e iso se nota". Aínda que as súas críticas foron dirixidas tamén cara ao vicepresidente do goberno galego, Alfonso Rueda, "que vive en Pontevedra e non parece que lle preocupen estas cousas".