Ratifican no Pleno, grazas á abstención do PP, o reparto de retribucións municipais
O BNG sacou adiante, grazas á abstención do PP, un dos asuntos máis espiñentos que se debaten ao inicio de cada mandato, o das dedicacións exclusivas. Contarán con soldo oito edís nacionalistas, dous do Partido Popular e un do PSdeG-PSOE. O goberno resérvase, iso si, a opción de amplialas ata un máximo de catro máis nun futuro, segundo César Mosquera, porque "non descartamos chegar finalmente a un goberno de coalición".
Mosquera, que actuou como voceiro do BNG neste Pleno, explicou que o goberno con esta proposta se marcou o criterio de que "ninguén saia beneficiado nin prexudicado" e que tanto goberno coma oposición "teñan os medios suficientes para exercer o seu traballo". Explicou que o custo do goberno se reduce nun 32%, mentres que os gastos da corporación se manteñen a pesar da entrada de dous novos grupos.
Xunto aos soldos, Mosquera citou a asignación que recibirán os partidos -2.750 euros ao mes como fixo e 250 euros por concelleiro- para destacar que "pode haber grupos que non vexan colmadas ás súas aspiracións", a pesar do cal, dixo, "non se pode negar que é unha proposta ecuánime e xenerosa cos grupos da oposición para que todos poidan facer o seu traballo en boas condicións".
Pero a oposición non estivo de acordo. María Rey, concelleira de Ciudadanos, afirmou que a repartición era "claramente insuficiente" e prexudica aos partidos con menor representación, impedindo unha oposición "lexítima"; mentres que dende Marea Pontevedra, Luis Rei, insistiu en deixar en seis as dedicacións do goberno e en reducir o salario do alcalde e os concelleiros ata os 40.000 e 35.000 euros brutos, respectivamente, como farán Santiago ou Ferrol.
Moito máis belixerante foi Agustín Fernández. O socialista acusou ao BNG de ter "certo desprezo" polo traballo da oposición ao deixalos sen medios materiais e humanos e entende que esta proposta supón un "recoñecemento explícito" de que Lores non ten equipo porque "presidirá un goberno de liberados" no que o traballo o farán os cinco directores xerais e o intendente da Policía Local "e iso soa moi mal".
Pola súa banda, o Partido Popular xustificou a súa abstención neste punto porque os pontevedreses "falaron ou 24 de maio" e decidiron que gobernase o BNG, polo que sinalou que "se organicen como queiran porque deben ter a iniciativa". En todo caso, Jacobo Moreira pediu que, unha vez que se resolveron este tipo de cuestións organizativas, "a partir de hoxe nos centremos nos temas relevantes para a cidadanía".
MÁIS CONSENSO NOUTROS ASUNTOS
Como era de esperar, houbo un maior acordo no resto de asuntos relativos á organización do traballo municipal. Os plenos da corporación celebraranse o terceiro luns de cada mes ás once da mañá, coa oposición de Marea que propoñía pasalos aos sábados, e se aprobou a creación e composición das comisións informativas xa anunciadas, tamén co voto en contra de Marea, que solicitou unha específica de Xustiza Social.
Houbo unanimidade na repartición de postos nos órganos colexiados que dependen do Concello e todos, salvo o BNG, abstivéronse en relación á asignación que recibirán os concelleiros sen dedicación exclusiva por asistir a plenos e comisións. Por último, con respecto a asignación económica aos grupos, que oscilará entre os 5.750 euros ao mes do BNG e os 3.000 de Ciudadanos, se opuxo unicamente o PSdeG-PSOE.
Relacionadas:
-
PP e PSdeG-PSOE presidirán finalmente dúas das seis comisións informativas do Concello
Por Alejandro Espiño |
-
Críticas da oposición ante a "opaca" oferta do BNG para presidir comisións informativas
Por Alejandro Espiño |
-
Axilizan a constitución das comisións informativas e a adxudicación de doce contratos de provedores
Por Alejandro Espiño |
-
O PP de Pontevedra establece un "goberno na sombra"
Por Redacción |
-
Aumentan a asignación municipal aos partidos e as retribucións aos edís sen dedicación exclusiva
Por Alejandro Espiño |
-
Sen acordo na organización municipal, o BNG presentará unha 'contraoferta' antes do Pleno
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Propoñen once dedicacións exclusivas no Concello e dar entrada a todos os partidos nas comisións
Por Alejandro Espiño & Cristina Saiz |