Propoñen desenvolver unha campaña contra o abandono en Pontevedra
Por Redacción
A Asociación Animalista Libera e a Fondation Franz Weber ofrecéronse este venres ao Concello de Pontevedra para financiar unha campaña de sensibilización contra o abandono de animais en Pontevedra asumindo os custos de traballo da impresión de 5.000 dípticos e 500 carteis a repartir por establecementos e a rede de espazos municipais.
Os animalistas xustifican esta proposta "ante a necesidade de incidir no gravoso abandono de animais domésticos que se produce cada ano en Pontevedra", onde se abandonan ducias de cans e gatos, a súa inmensa maioría sen microchip, supoñendo un custo engadido para a propia administración municipal, obrigada competencialmente á súa recollida.
Neste senso os colectivos lembran que o abandono é un problema social, que "en Galicia sumou 14.200 seres vivos botados ás rúas e as estradas no pasado ano, un 8,45% máis que con respecto a 2013", e as cifras non deixarían de medrar, e convidan ao Concello á redacción dunha ordenanza municipal sobre protección animal, comercio e convivencia que comece a implantar a base para atacar con dureza esta grave problemática.
A idea de elaborar unha campaña de sensibilización podería fructificar en poucas semanas, o que "ofrece moita marxe de manobra" ao goberno local en caso de aceptar a "proposta pública" que tentará mitigar os casos de abandono e fomentar a acción da cidadanía fronte unha lacra que custa diñeiro a todos.
Para a Asociación Animalista Libera e a Fondation Franz Weber, "Pontevedra ten que dar exemplo de boa xestión e preocupación polo benestar animal".
Relacionadas:
-
A campaña de control de gaivotas elimina 90 niños e recolle 220 ovos
Por Oskar Viéitez |
-
Propoñen que o Concello redacte unha ordenanza de protección animal
Por Oskar Viéitez |
-
A campaña 'Yes we can' volve a Pontevedra: "os animais non son xoguetes"
Por Elsa Juliá Sánchez & Cristina Saiz |
-
Nesta canceira vívese mellor
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |