Ignacio Camacho e Luis Pousa, premios Julio Camba e Fernández del Riego de xornalismo
Por Alejandro Espiño
Un artigo sobre Lauren Bacall publicado polo xornalista sevillano Ignacio Camacho en ABC e outro sobre a identidade galega escrito polo lucense Luis Pousa para La Voz de Galicia foron este ano as pezas galardoadas cos cos premios Julio Camba e Francisco Fernández del Riego de xornalismo. Así o decidiu o xurado destes premios que outorga anualmente Afundación, reunido este luns en Pontevedra.
En concreto, o premio Julio Camba -que chega este ano á súa edición número 36- recaeu no artigo título Betty, publicado no diario madrileño ABC o 14 de agosto de 2014. Trátase, segundo destacou Alfredo Conde, presidente do xurado, dun "fermoso artigo" no que Ignacio Camacho, un articulista de "gran prestixio", evocaba a personalidade, a figura e a beleza da actriz Lauren Bacall días despois do seu falecemento.
Pola súa banda, o xornalista Luis Pousa foi recoñecido co premio Fernández del Riego, que na súa duodécima edición concursaba co artigo Galicias, escrito en galego e publicado en La Voz de Galicia o 25 de xullo de 2014. É, explicou Alfredo Conde, un "magnífico brinde pola esperanza, a dignidade ou o autorecoñecemento do que debería latexar neste país", especialmente no ámbito cultural.
Ambos os dous premios foron concedidos por unanimidade do xurado e sen necesidade, sinalou o presidente, dunha "ampla discusión". Trátase de artigos dunha "fonda raigame literaria", que honran o espírito destes premios que levan o nome de "dous magníficos xornalistas" e que son proba da "capacidade de concorrencia" da que gozan, téndose presentado grandes nomes do periodismo nacional e galego.
Tras destacar que ao Julio Camba se presentaron 36 artigos e ao Fernández del Riego doce, Alfredo Conde reflexionou sobre a "calidade moi boa" do xorbalismo literario no noso país e proba diso, dixo, son os dous premiados e do resto de finalistas destes premios. E todo iso, a pesar do "acto de resistencia" á que se deben enfrontar diariamente "a xente que escribe e que fai cultura".
A dotación económica de ambos os dous premios, concedidos por Afundación en colaboración co Ámbito Cultural Del corte Inglés, é de 6.000 euros.
Relacionadas:
-
Máis de 150 candidatos para os premios Julio Camba e Fernández del Riego de xornalismo
Por Redacción |
-
Ignacio Camacho e Luís Pousa xa teñen os seus premios Julio Camba e Fernández del Riego
Por Cristina Saiz |
-
Manuel Bragado e Luis Ventoso reciben os premios de xornalismo Fernández del Riego e Julio Camba
Por Redacción |
-
Ángeles Caso e Manuel Darriba recollen os seus premios de xornalismo
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |