Manuel Abeledo: "Un día visitando o Museo vin obras nos sotos e dixen: isto non pode seguir así"
Por Oskar Viéitez
Durante o acto de inauguración do Museo de Pontevedra, mesturado entre o público, intentando pasar desapercibido, atopábase Manuel Abeledo.
El presidiu a Diputación desde xullo de 1995 a xullo do 2003. Agora retirado da política, exerce como inspector de Educación "por oposición" na provincia da Coruña.
Este lalinense entrou nunha institución en creba técnica e deixouna coas arcas saneadas. Da súa xestión naquela etapa tamén se recordará que súa foi a idea de ampliar o museo.
"Foi un día no que estaba visitando o Museo xunto ao seu director, Carlos Valle", relata a PontevedraViva, "ao ver a gran cantidade fondos museísticos e pezas históricas gardadas nos sotos de edificio entroume unha tristeza tremenda. Aquilo non podía seguir así".
"Isto tiña que estar nun sitio digno. Se as obras non se ven isto non valen nada", afirmou.
Decidido a reparar aquela penosa situación "eu púxenme a buscar diñeiro". Por exemplo, co entón Conselleiro de Cultura, Xesús Pérez Varela, "tiven que pelexar para que me dese cincocentos millóns de pesetas".
"Hai que arranxar isto en Pontevedra, pero necesitamos diñeiro", lle dixo a Rajoy
Pero, Manuel Abeledo, sinala especialmente a Mariano Rajoy, naquel momento Ministro de Educación, Cultura e Deporte "fun a verlle e pregunteille: Oe, a onde teño que ir? que teño que facer? Hai que arranxar isto en Pontevedra, pero necesitamos diñeiro e a Diputación non pode asumir todo porque non ten".
"Desde o primeiro momento Mariano apoiou" e púxolle en contacto coa directora xeral de construcións e equipamientos "e sacámoslle mil cincocentos millóns".
"Lógicamente eu aí non teño mérito ningún, dei a cara e nada máis, pero o que se portou de marabilla comigo foi Mariano", insistiu. Logo adxudicaríase a obra xunto coa dirección "e eu marcheime". Era o ano 2003, cando deixou a Deputación de Pontevedra.
"Isto estaba todo feito", afirma Abeledo "logo oín que Rafael (Louzán) fixera algunha ampliación, entón seguramente subiu algo o orzamento" que xa estaba en tres mil millóns de pesetas "o que se fixo despois eu xa non o sei", concluíu.