A alcaldesa de Sanxenxo pide a Rajoy e Feijóo que fagan caso aos afectados polas preferentes
Por Natalia Puga
A alcaldesa de Sanxenxo, Catalina González, cumpriu co compromiso adquirido conlos afectados polas preferentes que están encerrados no Salón de Plenos dende este xoves. Remitiu senllas cartas aos presidentes do Goberno, a Xunta e a Deputación (Mariano Rajoy, Alberto Núñez Feijóo e Rafael Louzán) pedíndolles que atendan ás demandas formuladas.
O equipo de Goberno do Concello de Sanxenxo reuniuse este venres pola mañá cos afectados para informalos acerca do cumprimento deste compromiso. Á súa vez, no encontro tamén se lles informou sobre as xestións realizadas pola deputada no Congreso, Paz Lago, para unha próxima reunión en Sanxenxo coa vicevoceira da comisión económica do Congreso dos Deputados, Irene Garrido.
Na carta remitida por Catalina González a Rajoy, Feijóo e Louzán indícalles que os afectados da bisbarra do Salnés manteñen o seu encerro porque "pretenden con ello recabar nuestro apoyo para lograr una solución a un conflicto que mantiene en vilo a cientos de familias que, en la mayoría de los casos, han visto desaparecer los ahorros de toda una vida y que se sienten indefensos ante una situación que consideran una estafa".
Engade a rexedora que os encerrados "solicitan que os manteñamos informados de cantas xestións se realicen por parte das distintas Administracións para a consecución do seu obxectivo, que non é outro que o de que se manteña a arbitraxe como fórmula para recuperar o diñeiro depositado nestes produtos tóxicos".
Ademais, como alcaldesa de Sanxenxo e "no meu interese por defender os dereitos de todos os cidadáns e, especialmente, dos veciños e veciñas deste municipio", prega aos dirixentes 'populares' que "dean os pasos necesarios de cara ao cumprimento destas peticións, que inclúen o nomeamento dun interlocutor único que facilite o traslado aos afectados de todas as medidas que se vaian adoptando".
Catalina González tamén considera "de relevancia" expoñer de novo ante a opinión pública "as accións levadas a cabo para evitar que esta lamentable situación volva repetirse e conseguir así que os contribuíntes recuperen a confianza no sistema financeiro".