A Xunta asina un convenio coa ONCE para favorecer a inclusión educativa dos seus afiliados
Por Redacción
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, asinou este xoves dous convenios coa ONCE que facilitarán o acceso á escolarización ao alumnado galego atendendo á súa diversidade e ás súas necesidades específicas e mais favorecendo a inclusión educativa.
Román Rodríguez acudiu ao Centro de Recursos Educativos da ONCE en Pontevedra, que o conselleiro tivo a oportunidade de percorrer acompañado polo director do centro, José Ángel Abraldes; polo delegado territorial da organización, Manuel Martínez Pan; e polo presidente do Consello territorial de Galicia, Carlos Fernández Lamigueiro.
Segundo explicou o conselleiro, un destes acordos consiste en que a ONCE adapte ao braille e traduza ao galego e faga a gravación, como mínimo, de cinco dos libros de texto que sexan solicitados polos seus afiliados e contará coa colaboración e o asesoramento técnico (lingüístico e terminolóxico) da Secretaría Xeral de Política Lingüística, que pola súa banda, porá á disposición da ONCE materiais destinados á aprendizaxe do idioma propio de Galicia.
O segundo convenio refírese á contratación de seis profesores pertencentes ao corpo de mestres especializados na atención do alumnado con cegueira ou deficiencia visual grave, que se integrarán nos equipos específicos da ONCE. Deste acordo veranse beneficiados no curso 2015/2016 un total de 357 estudantes de educación primaria e mais de 1º e 2º da ESO de toda Galicia.