Rueda: "Se todo vai ben remataremos este ano co edificio xudicial adxudicado e, ogallá, coas obras xa empezadas"
Por Oskar Viéitez
O vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Alfonso Rueda, referiuse este venres en Pontevedra ao futuro edificio xudicial da Parda para anunciar que "se todo vai ben, remataremos este ano co edificio adxudicado e, ogallá, que coas obras xa empezadas".
Segundo explicou Alfonso Rueda, "temos o compromiso do Concello de Pontevedra de que no primeiro pleno que vaia celebrar, que creo que é o próximo 20 de xullo, levará o acordo de cesión", dos terreos nos que se construirá a nova sede dos xulgados.
O vicepresidente do goberno galego explicou que ten previsto facer unha "rolda rápida de contactos" entre todos os profesionais que van utilizar ese edificio, é dicir, xuíces, fiscais, avogados, funcionarios. "Xa se fixo para redactar o proxecto pero, agora que imos ter a parcela e antes de licitar, volveremos facer unha última rolda", sinalou.
Rueda espera que antes de finalizar o ano en curso as obras de construción estean xa iniciadas xa que "dende logo diñeiro para empezalas aí", dixo. "Eu dubido que teñamos tempo para gastar os case dous millóns de euros que había, se somos capaces é que fomos moi rápidos", apostilou.
O vicepresidente do goberno galego fixo estas declaracións en Pontevedra antes de participar no acto de clausura dun curso de verán na sede da Universidade Nacional de Educación a distancia (UNED).
MENSAXE PARA LORES
O vicepresidente da Xunta aproveitou a ocasión para destacar que o feito de que o Concello de Pontevedra leve ao próximo pleno a cesión desta parcela lle dá a razón cando sinalaba que non se podía empezar a obra porque non contaba cos terreos "imos demostrar que todo o que dixemos era verdade", dixo.
"Non queremos liortas, discutir leva a pouco, o que hai que facer é chegar a acordos"
"Nin hai un ano, nin hai cinco, nin hai tres meses, non estaba feita a cesión, agora vaise facer", subliñou Alfonso Rueda. "Nós dixemos sempre o mesmo: cando teñamos a parcela faremos o edificio".
"Non queremos liortas, discutir leva a pouco, o que hai que facer é chegar a acordos. Conseguímolo en Ourense, en Ferrol, en Santiago, con alcaldes socialistas, cedéronnos parcelas para facer edificios que xa existen en todos os casos e o que quero aquí, na miña cidade especialmente, é facer o edificio xa que temos consignación", concluíu.
Relacionadas:
-
O novo edificio xudicial da Parda terá aparcadoiro gratuíto, pero non universal
Por Oskar Viéitez |
-
A cesión para o novo edificio dos Xulgados na Parda irá ao pleno deste mes
Por Anxo Lourido |
-
O PP rexeita no Parlamento poñer un prazo para a posta en marcha do novo edificio xudicial da Parda
Por Oskar Viéitez |
-
Xunta e Concello desbloquean o novo edificio xudicial e se comprometen a avanzar no proxecto
Por Redacción |
-
O PSOE insta á Xunta a que inicie o novo edificio xudicial para que estea rematado en 2016
Por Redacción |