Eugenio Giraldez e David Cal, candidatos ao Premio Cidade de Pontevedra
Por Redacción
O xornalista pontevedrés Eugenio Giráldez e o deportista de Cangas David Cal comparten candidatura para facerse co recoñecemento do Premio Cidade de Pontevedra na súa edición deste ano.
Unha vez terminado o prazo de presentación de candidaturas para o Cidade de Pontevedra, tan só Giráldez e Cal foron propostos para facerse co recoñecemento na categoría de persoa física. O xornalista a proposta de PontevedraViva e o piragüista do Club Naval de Pontevedra.
Na categoría de persoa xurídica o xurado que outorga o Premio deberá decidir tamén entre dous candidatos. A Asociación de Empresarios da Pequena e Mediana Empresa (Aempe) propuxo á firma de biotecnología Hifas da Terra e a Federación de Asociacións de Veciños Teucro presentou ao Banco de Alimentos de Pontevedra.
A candidatura de Eugenio Giráldez foi impulsada por PontevedraViva e recibiu o apoio expreso a través do rexistro municipal do Sindicato Unificado de Policía (SUP) e a Plataforma Motera para a Seguridade Vial de Pontevedra. Outros colectivos como a Federación de Asociacións de Veciños Boa Vila tamén manifestou a súa intención de apoiar oficialmente a candidatura, aínda que desde o Concello non se facilitaron ata o momento que entidades ou particulares apoiaron a cada un dos candidatos.
A candidatura conta co respaldo dun movimento cidadán de apoio ao xornalista xurdido nas redes sociais. Neste sentido, creouse un grupo no facebook que pide tamén que se lle conceda a Eugenio Giráldez o Premio Cidade de Pontevedra. Impulsado por Miguel López, conta co beneplácito de 1.283 persoas.
A candidatura de Eugenio Giráldez ten en conta a súa traxectoria persoal e profesional de 31 anos como xefe de informativos e locutor de Radio Pontevedra e, posteriormente, de Localia Televisión Pontevedra. Ademais, preséntase como un exemplo representativo do sector xornalístico, que está atravesando unha época de crise que pon en perigo a liberdade de expresión. El mesmo foi despedido da emisora Radio Pontevedra o martes 4 de decembro.
David Cal é o deportista español con máis medallas olímpicas da historia. Aos seus 30 anos, o especialista en canoa monoplaza conseguiu unha medalla de ouro e catro de prata en tres participacións nos Xogos Olímpicos de Atenas (2004); Pekín (2008) e Londres (2012). Natural de Cangas, reside en Pontevedra e ten a súa base de adestramentos no Centro Galego de Tecnificación Deportiva da cidade (aínda que tamén se adestra en Lugo e Asturias) e en 2011 integrou a candidatura do PP local ás eleccións municipais.
Hifas da Terra é unha empresa de biotecnología aplicada á micología con sede na parroquia de Bora que comezou como unha firma de produción de setas ecolóxicas e kits de produción e desde 2011 conta cun Centro de Interpretación Micológica que alberga a primeira consulta de micoterapia que hai en Europa.
O Banco de Alimentos de Pontevedra da avituallamiento habitualmente a 130 centros sociais da provincia e en 2011 (últimos datos dispoñibles) facilitou alimentos básicos a máis de 20.000 persoas sen recursos ao mes, cifras en incremento constante desde o inicio da crise económica.