Jorge Domínguez será alcalde perpetuo de Meaño e terá un busto no municipio
Por Redacción
O ex alcalde de Meaño Jorge Domínguez, falecido o 20 de novembro de 2012, será nomeado a título póstumo rexedor perpetuo do municipio. O expediente para facelo efectivo xa está aprobado polo Pleno da Corporación e farase efectivo en canto os rematen os trámites burocráticos.
Este non será a única homenaxe que concederá a Jorge Domínguez o municipio do que foi alcalde durante os últimos 21 anos. O Concello prepara, xunto coa Deputación Provincial de Pontevedra, unha homenaxe pública para o ex rexedor no que se procederá a instalar un busto coa súa imaxe no parque da parroquia de Lores, onde naceu e viviu ata que morreu tras unha longa enfermidade.
Ademais, a Deputación recoñecerá o traballo realizado como deputado provincial (ocupaba o cargo cando pereceu) coa entrega dunha insignia á súa familia.
Jorge Domínguez Rosal (Meaño, 1959) foi alcalde da súa localidade dende 1991 e deputado provincial dende o ano 2011 ata poucos días antes da súa morte no Complexo Hospitalario de Pontevedra. Non logrou superar o cancro de pulmón e de cerebro contra o que levaba loitando dende había máis de dous anos.
Nas últimas eleccións municipais conseguía por quinta vez consecutiva saír elixido, dende as filas do Partido Popular, alcalde deste Concello do Salnés. Durante a súa enfermidade mantívose e, salvo cando tiña que someterse a intervencións cirúrxicas, case nunca faltou á súa cita como rexedor. Asistía a plenos, reunións veciñais e ofreceu intervencións públicas a pesar de estar a asistir a sesións de quimioterapia.
Tras o seu falecemento foi substituído de forma interina na Alcaldía por José Ramón Tilve e posteriormente tomou posesión unha nova rexedora, Lourdes Ucha. No seu cargo de deputado substituíuno o alcalde de Meis, José Luis Pérez.