Louzán di que "a cidade de Pontevedra é moeda de cambio" no pacto PSOE e BNG na Deputación
Por Oskar Viéitez
O presidente en funcións da Deputación de Pontevedra e presidente provincial do Partido Popular, Rafael Louzán, criticou a negociación política aberta entre o PSdeG-PSOE e o Bloque Nacionalista Galego para alcanzar un pacto de goberno na Administración Provincial porque, ao seu xuízo, nesta "importa todo menos a vontade real do pobo", dixo.
Para Louzán trátase de "un pacto un pouco desconcertante" por parte dos dous partidos "que pediron a supresión das deputacións e que agora pelexan por repartirse o poder nelas", sinalou. "Aínda que no caso do Bloque xa non falan de suprimilas senón de adelgazalas", engadiu.
Pola súa banda, o mandatario provincial recordou que "o Partido Popular, que sempre as defendeu e creu nelas, está de espectador".
Segundo o presidente do PP pontevedrés esas conversacións non desembocarán nun "pacto para construír ou para acordar melloras para a provincia ou para a xente, senón para destruír", reprochou.
Ademais Louzán sinalou que nesta negociación a cidade de Pontevedra é "moeda de cambio".
Rafael Louzán entende que o pacto entre BNG e PSOE non ten "nada que ver coa cidadanía ou os concellos" senón "coa repartición de cotas de poder" xa que apuntou que estas formacións políticas aspiran a "tocar poder ao prezo que sexa", e apuntou que "outras cuestións como a ideoloxía, o programa, os principios, o ben común ou a cidadanía, quedan para máis adiante"
"Para conseguir o poder pasan por riba de todo, mesmo por enriba do partido máis votado", apostilou Louzán tras recordar que o PP ten maioría con 12 deputados na corporación provincial fronte aos 10 deputados do Partido Socialista, 4 do BNG e 1 de Marea. "Xa veremos onde rematan", comentou Louzán.
LOUZÁN DEPUTADO
Este xoves o Partido Popular elixe os seus representantes na Deputación Provincial polos partidos xudiciais de Pontevedra e Lalín. O venres serán presentados ante a xunta electoral de zona.
O mércores foi a quenda do partido xudicial de Cambados, elixindo os populares como representantes a Rafael Louzán Abal, número 2 da candidatura popular de Ribadumia e Luis Aragunde presidente e voceiro do PP de Cambados.
O presidente en funcións da Deputación de Pontevedra e líder provincial do PP, Rafael Louzán, anunciara tras coñecer o resultado das eleccións municipais do pasado 24 de maio que se hai unha coalición de goberno na administración provincial non sería deputado neste ente no próximo mandato.
"De momento non debo manifestarme ata que se vaian vendo os acontecementos", dixo hoxe Louzán ao ser preguntado por este anuncio.
"Na Coruña estamos a asistir a outro espectáculo dantesco que os cidadáns valorarán, en Lugo xa saben o que pasou e en Pontevedra xa veremos o que pasa", concluíu. "De momento toca esperar".
Relacionadas:
-
Mosquera apunta que o pacto de goberno entre BNG e PSOE na Deputación está "moi avanzado"
Por Redacción |
-
PSOE e BNG presentan o seu "acordo programático" para gobernar a Deputación de Pontevedra
Por Oskar Viéitez |
-
Jacobo Moreira ocupará un "escaño" na Deputación en 2017
Por Redacción |
-
Mosquera acusa a Louzán de deixar a Deputación "arrasada" cun reparto de fondos "caciquil"
Por Alejandro Espiño |
-
Tamén o PSOE descarta que o acontecido en Lugo afecte á Deputación de Pontevedra
Por Oskar Viéitez |
-
Louzán asegura que a "gran vocación" do BNG é "dar carnés certificados de boa conduta" pero "con moral dobre e hipócrita"
Por Mónica Patxot & Oskar Viéitez |
-
Louzán inicia a súa despedida da Deputación "en diferido"
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |