O próximo venres constitúese a nova corporación da Deputacion de Pontevedra
Por Oskar Viéitez
O salón de plenos do Pazo Provincial acollerá o próximo venres 17 de xullo a sesión constitutiva da nova corporación provincial que rexerá a provincia de Pontevedra durante os próximos catro anos.
O presidente en funcións, Rafael Louzán, informou que ao longo deste venres se espera que chegue a comunicación dos deputados que foron elixidos en representación das diferentes formacións políticas, polo que o martes se celebraría un pleno de aprobación de actas e o venres sería o pleno constitutivo.
Durante os próximos días, previos á celebración deste pleno constitutivo, os deputados electos presentarán as súas credenciais ante a Secretaría Xeral da Deputación, e formularán declaración sobre as causas de posible incompatibilidade e sobre os seus ingresos económicos, declaración da súa renda e patrimonio, así como da participación en sociedades de todo tipo.
Pasados estes trámites, o venres abrirase a sesión, se constituirá a mesa de idade, integrada polos deputados electos de maior e menor idade presentes no plenario. A mesa comprobará as credenciais presentadas ou acreditacións da personalidade dos deputados con base ás certificacións que a Xunta Electoral de Zona remitise á Deputación. Os deputados electos xurarán entón ou prometerán o cargo.
Unha vez constituída a corporación, procederase a elixir a persoa que ostentará a presidencia da institución. Será elixido como tal o candidato que obteña a maioría absoluta en primeira votación, ou simple en segunda; e segundo a doutrina da Xunta Electoral Central, se non fose posible así, habería unha terceira fase de maioría de votos na provincia, e unha cuarta, por sorteo.
Tras a intervención do novo presidente ou presidenta, darase por finalizada a sesión.
Relacionadas:
-
Acordo entre PSdeG-PSOE e BNG para gobernar a Deputación de Pontevedra
Por Alejandro Espiño | Creada e actualizada
-
Louzán fai 'pellas' no último pleno da Deputación
Por Oskar Viéitez & Cristina Saiz |
-
PSOE e BNG presentan o seu "acordo programático" para gobernar a Deputación de Pontevedra
Por Oskar Viéitez |