O PSOE explicará a súa proposta de consulta popular sobre Ence ao comité de empresa da fábrica
Por Redacción
O Grupo municipal socialista decidiu iniciar unha rolda de contactos con diferentes colectivos para explicar as súas últimas iniciativas en relación á fábrica de Ence en Lourizán e sobre o futuro da bisbarra de Pontevedra.
A primeira reunión será este luns 13 na sede do partido cunha representación do comité de empresa de Ence, elixida recentemente, á que o voceiro do grupo municipal socialista, Agustín Fernández, explicará os motivos que lle levaron a promover unha consulta popular na que se pregunte aos cidadáns de Pontevedra se consideran axeitado que no futuro Plan Xeral de Ordenación Municipal os terreos que na actualidade ocupa Ence nas marismas de Lourizán teñan a consideración de chan industrial, facilitando así a permanencia da empresa na ría de Pontevedra. Unha proposta que foi criticada polo BNG e polo presidente da Deputación, Rafael Louzán, quen chegou a comparala coa consulta realizada en Grecia.
Os socialistas entenden que é necesario que Pontevedra conte cun estudo rigoroso de cara á planificación do seu futuro e por iso reclaman ao alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, que lidere a través do CES a constitución urxente dun órgano que leve a cabo ese estudo no que se valore o impacto positivo e negativo da marcha de Ence no ano 2018 buscando solucións realistas para os traballadores e para o mantemento da actividade económica.
Agustín Fernández afirma que queren explicarlle aos traballadores de Ence as súas propostas co obxectivo de establecer canles de comunicación cun colectivo tan importante "aínda que dende a discrepancia nas formulacións de partida" e, neste sentido, reclama a Fernández Lores a que se reúna cos representantes dos traballadores da fábrica.
Relacionadas:
-
Os traballadores de ENCE cren que o PSOE "chega tarde" coa proposta de referendo sobre a pasteira
Por Cristina Saiz & Natalia Puga |
-
Un informe municipal avala a legalidade da consulta popular sobre ENCE proposta polo PSOE
Por Alejandro Espiño |
-
Agustín Fernández quere que Lores explique as medidas que se adoptarán cando ENCE remate a concesión en 2018
Por Redacción |