Mosquera apunta que o pacto de goberno entre BNG e PSOE na Deputación está "moi avanzado"
Por Redacción
Salvo "sorpresa sorpresísima", adianta César Mosquera, Carmela Silva converterase o próximo venres 17 de xullo na nova presidenta da Deputación de Pontevedra en substitución do popular Rafael Louzán. Farao cos votos dos seus dez deputados e dos catro do BNG. Entre ambos os dous partidos as negociacións van "razoablemente ben" e o pacto de goberno encóntrase "moi avanzado".
O voceiro do BNG na institución pontevedresa explicou que "o gordo", o acordo programático está xa resolto a falta de "algún detalles" por pechar. Esperan poder resolver estes "flecos" antes do Pleno de investidura do venres, pero en todo caso os nacionalistas garanten o seu apoio á candidata do PSdeG-PSOE xa que se necesitan seguir negociando o farán despois desa data.
En todo caso, Mosquera desvelou que as opcións de que o BNG entre no goberno provincial son "moito máis elevadas" que nunca, xa que ambas as dúas formacións chegaron a un acordo en asuntos clave para os nacionalistas como reducir o presidencialismo da institución, darlle máis autonomía aos concellos, repartir equitativamente os fondos, eliminar as partidas de libre disposición ou non usar a deputación como "contrapunto" á Xunta.
A partir de aí, dixo, quedan eses detalles que se pretenden atar nos próximos días. "Se hai acordo na maneira de funcionar, as cuestión organizativas resólvense voando", entende o deputado do BNG que aposta por conceder dedicacións exclusivas á oposición e que o custo de asistencias a órganos colexiados e salarios non excedan "ou se podan reducir" os 1,16 millóns de euros anuais que supoñen actualmente para as arcas provinciais.
Nestas negociacións están a participar os catro deputados do BNG -César Mosquera, Uxío Benítez Xosé Leal e Eva Villaverde- e, por parte do PSdeG-PSOE, David Regades, Santos Héctor e Modesto Pose.
MOSQUERA PÍDELLE A LOUZÁN QUE NON SE VAIA
Ademais, César Mosquera afirmou que, ante a posibilidade de que Rafael Louzán abandone a súa acta de deputado provincial se perde a presidencia, espera que reconsidere a súa postura e continúe como xefe da oposición. "Dígoo con toda a sinceridade", matizou. Asegura que sería "positivo" que achegase a súa experiencia á fronte da institución na oposición, dende a cal, dixo, "pódense facer moitas cousas".
Ademais, o voceiro do BNG descartou a posibilidade de que o novo goberno provincial se vaia dedicar a "desfacer" proxectos ou bloquear expedientes de obras e actuacións que xa están en marcha como a Rolda Urbana ou o novo acceso a Monte Porreiro. Sinalou que "hai bastante por facer como para poñerse a desfacer o que xa está feito", xa que empezar a revisar este tipo de cuestións levarían á Deputación ao seu "parálise".
Relacionadas:
-
Louzán despídese da Deputación cun anuncio: as obras da Rolda Leste adxudicaranse nunha semana
Por Redacción |
-
Louzán fai 'pellas' no último pleno da Deputación
Por Oskar Viéitez & Cristina Saiz |
-
Louzán di que "a cidade de Pontevedra é moeda de cambio" no pacto PSOE e BNG na Deputación
Por Oskar Viéitez |
-
Mosquera acusa a Louzán de deixar a Deputación "arrasada" cun reparto de fondos "caciquil"
Por Alejandro Espiño |
-
O BNG asegura que o "Tamayazo" de Lugo non afectará ás negociacións na Deputación de Pontevedra
Por Oskar Viéitez |