Unión Agrarias asegura que moitos viticultores non cubren os costes na vendima de Rías Baixas
Por Diego Espiño
Coa vendima na Denominación de Orixe Rías Baixas practicamente rematada, os viticutores fan balance da uva recollida.
A estimación de Unións Agrarias é dunha colleita de 15 millóns de quilos de uva, o que supón unha redución do 60% en relación aos datos de 2011. O rendemento medio por hectárea, que o ano pasado foi de 11.000 quilos por hectárea, descendeu ata os 5.000.
O peor dato para o sindicato é sen embargo a caída do prezo da uva, en torno ao 20%, mesturado coa suba nos custos de produción, que ascenden aproximadamente o 40%. ÿ o que denuncia Manuel Ángel Dopazo, representante de Unións Agrarias na D.O. Rías Baixas, "é imposible cubrir os custos de produción porque tivemos que dar máis tratamentos á uva polo mal clima e costa máis vendimar. Se antes andaba entre 15-20 céntimos recoller un quilo de uva, estamos falando este ano entre 20-40 céntimos de custo por quilo".
Na mesma liña sitúase o secretario de agricultura da organización, Xosé Ramón González, "a situación dos pequenos produtores en Rías Baixas pasou a ser moi delicada. Hai xente que non ten suficiente para pagar os gastos de sulfato de todo o ano".
Dende o sindicato anuncian que vixiarán ás adegas para que non paguen por debaixo dun euro o quilo de uva, ademais de prestar especial atención a que o número de botellas se corresponda coa produción real desta anada e non se aproveiten os excedentes de 2011.
Unión Agrarias denuncia que moitas das adegas da Denominación non subscribiron aínda os contratos homologados que fixaban o prezo da uva.