Tratan de desbloquear o saneamento dos Gafos e a ampliación do polígono do Vao
Por Redacción
O Concello de Pontevedra poñerá "todo o que estea na nosa man" para desbloquear dous asuntos que debe consensuar coa Xunta de Galicia. Trátase da ampliación do polígono do Vao, sobre a que o goberno galego convocou unha próxima reunión, e os traballos que están pendentes de realizarse para completar o saneamento do rio Gafos. Así o sinalaron tanto Raimundo González coma César Mosquera ese luns.
Con respecto ao Gafos, a Xunta de Goberno aprobou todos os trámites que os requiriron por carta dende Augas de Galicia o pasado 16 de xuño. Aprobouse inicialmente o proxecto de saneamento, expoñerase ao público durante un mes para recibir posibles alegacións, poñeranse a disposición os terreos e camiños necesarios para a obra, así como os permisos obtidos e o Concello comprometeuse a asumir o mantemento posterior.
Ademais, solicitaron a Augas de Galicia que lles remita un plano de deslinde destes traballos para ver se xunto aos terreos que xa son municipais tamén se verán afectados parcelas de titularidade privada, por se hai que negociar cos seus propietarios.
Con todos estes trámites feitos, o goberno municipal espera "que a executen dunha vez".
MOSQUERA LAMENTA AS TRABAS AO POLÍGONO
Pola súa banda, despois de ser convocados a unha reunión coa Xunta sobre o futuro do polígono do Vao, o concelleiro César Mosquera lamentou as trabas administrativas que se poñen ao proxecto de ampliación. Entende que tras "anos e anos" de tramitación, o goberno galego pretende "volver de novo case ao punto de partida", ao rexeitar a modificación do plan de ordenación municipal que ía regular todo este ámbito.
A Xunta propón, a priori, "reducir moito" a superficie da ampliación do polígono e os promotores, alerta Mosquera, "terán que ver se lles compensa". Eles tamén están convocados, xunto a técnicos municipais e autonómicos, a esta reunión que terá lugar o mércores en Santiago. O edil reitera que o Concello aposta por este proxecto pero "temos dúbidas de que vaia a saír adiante".
Relacionadas:
-
O polígono comercial do Vao, pendente dun último informe da Xunta
Por Alejandro Espiño |
-
O Concello seguirá adiante co proxecto para sanear o Gafos que paralizou a Xunta
Por Natalia Puga |
-
O Gafos, sen saneamento: a Xunta dá marcha atrás ante o "reiterado incumprimento" do Concello
Por Redacción |
-
O PP ve "casi imposible" que se poida executar o saneamento do Gafos pola "pasividad" do Concello
Por Redacción |
-
Cumio en Santiago para desbloquear a ampliación do polígono do Vao
Por Redacción |
-
A Xunta convoca o Concello de Pontevedra para desbloquear o desenvolvemento do polígono do Vao
Por Redacción |