Moreira asegura que o "desplante" de Lores a Rajoy no Museo é propio dunha persoa "ególatra y soberbia"
Por Alejandro Espiño
A ausencia de Miguel Fernández Lores no acto de inauguración do sexto edificio do Museo de Pontevedra foi, segundo o Partido Popular, un "insulto" ao presidente do Goberno, Mariano Rajoy, á institución cultural e á propia cidade de Pontevedra. Así o entende o voceiro municipal do PP, Jacobo Moreira, quen criticou duramente o "desplante" do rexedor capitalino.
Jacobo Moreira censurou a "soberbia" coa que asegura estase comportando o alcalde desde hai meses, "e a deliberada soidade na que se está a pechar, cegado posiblemente pola crise do BNG, non pola económica que están a sufrir os cidadáns, e obcecado pola falta de seguimento social ao seu proxecto político nacionalista".
"Lores castiga aos veciños porque non seguen o seu credo e non lles perdoa que sucesivamente deran o seu apoio dun xeito masivo ao cambio de goberno en Madrid e a continuidade de Feijoo en Galicia", sostén Moreira. "Para el, a maioría dos pontevedreses nin sequera son dignos de telo como alcalde, e amosa o seu desprezo por todos eles con xestos tan indignos como o do pasado venres".
O voceiro municipal do PP lamenta que Fernández Lores "pareza concentrado unicamente en fortalecerse e exercer control dentro do BNG e deixe nun recuncho o prestixio, as obrigas e deberes do cargo que ocupa na cidade á que debe representar".
Neste sentido, Moreira destacou que o alcalde de Vigo "recoñeceu indirectamente o extraordinario esforzo inversor de 20 millóns de euros" realizado pola administración para que sexa unha realidade o Sexto Edificio do Museo, e que o socio de goberno en Pontevedra, "tamén deixou clara outra vez a súa distancia fronte ao rexedor", ao asistir Antón Louro a devandito acto. "Lores íllase ata dentro do seu propio equipo de goberno".
Esta conduta, segundo Jacobo Moreira, iniciouse co acto co que o Concello de Pontevedra rememorou os 25 anos de Miguel Fernández Lores como concelleiro, unha homenaxe que, entende o PP, "estivo fóra de lugar e foi propio dunha persoa ególatra e soberbia".