Pontevedra contará cun orzamento en 2013 que rondará os 67 millóns de euros
Por Alejandro Espiño
"Non é un brindis ao sol, estamos en condicións de chegar a esa cifra". Así explica o concelleiro de Facenda, Raimundo González, os plans do goberno municipal para o orzamento de 2013. Un documento que pretenden presentalo antes de que finalice este mes de xaneiro e que será superior ao de 2012. Fronte aos 63 millóns de euros de 2012, o Concello de Pontevedra prevé que as contas municipais rolden os 67 millóns de euros.
O aumento, que respectará o teito de gasto marcado polo Goberno central, xustifícase, segundo o edil nacionalista, porque nun momento de crise como o actual e coas cifras do paro polas nubes "é máis necesario que nunca aumentar os investimentos e as actuacións que poidan xerar emprego".
Pero máis aló destas cifras, Raimundo González criticou os cambios normativos impostos polo Goberno con respecto ao teito de gasto. Asegura que o Concello tiña un borrador listo desde hai tres semanas, cumprindo coas esixencias da lei de estabilidade orzamentaria e sostenibilidade financeira "e o día 28 de decembro remiten unha nova normativa para calculalo".
Este cambio provocará un novo atraso na tramitación dos orzamentos municipais, xa que aínda que as grandes partidas xa están pechadas (gastos correntes, persoal ou investimentos), obrigará a facer os cálculos de novo. Unha situación "kafkiana", segundo Raimundo González, quen se pregunta que ocorrerá con aqueles concellos que xa aprobaron as súas contas para 2013.
"ÿ unha situación insostible", explica o concelleiro de Facenda. "Cada día sacan unha normativa diferente, parece que intentan que non haxa orzamentos en ningún lado e que os concellos tiren como poidan".
En todo caso, este atraso non compromete os pagamentos destes primeiros meses do ano, xa que o Concello de Pontevedra traballa coas contas prorrogadas de 2012, polo que a tramitación ordinaria do orzamento municipal non se verá afectada.