Marea pedirá no Pleno que o Concello de Pontevedra se postule contra a autovía A-57
Por Redacción
A oposición á autovía A-57 que mantén dende hai máis dun ano a plataforma Salvemos a Fracha chegará o vindeiro luns, de novo, ao Pleno da corporación de Pontevedra. Será da man de Marea, que presenta unha moción instando ao Concello a demandar ao Ministerio de Fomento que paralice de xeito inmediato a contratación das obras do seu primeiro tramo, entre A Hermida e Vilaboa. Este sábado, integrantes da agrupación política déronlle a coñecer os detalles da moción aos veciños afectados polo proxecto.
A concelleira Carmen Moreira e outros membros de Marea Pontevedra visitaron os depósitos de agua do lugar de Pintos, unha zona do monte da Fracha na que se producirá un dos impactos máis severos da autovía. Un grupo de veciños acompañáronos e explicáronlles que xusto nese punto a A-57 deixará unha fenda no terreo de 60 metros de altura, o equivalente a un edificio de 17 pisos.
Marea Pontevedra considera que a proposta de trazado e o propio proxecto da autovía A-57 son "un exemplo máis da estulticia das distintas administracións na súa cega aposta polas grandes infraestruturas para transporte a motor, as máis das veces un gran negocio para as grandes construtoras e unha ruína para o conxunto da sociedade".
O trazado da A-57 (sen peaxe) pretende ser unha alternativa á AP-9 (de peaxe) e o seu primeiro tramo véndese como suposta circunvalación a Pontevedra. Este primeiro tramo, de seis quilómetros, está pendente dun recurso presentado por Salvemos a Fracha ante a Audiencia Nacional. O tribunal admitiu a trámite o recurso e está a estudar a petición da plataforma de que se realice unha paralización cautelar das obras ata que remate a batalla xudicial.
Marea recorda as irregularidades que, segundo os afectados, se produciron na tramitación do proxecto e tamén que a autovía suporá unha agresión ao ambiente inaceptable, destruíndo o monte da Fracha e afectando hábitats de especies protexidas e ameazadas e numerosas minas de auga que dan servizo ás catro parroquias polas que pasa: Marcón, Tomeza, Bértola e Figueirido.
En opinión da agrupación que lidera Luis Rei, o Concello de Pontevedra "non pode permanecer indiferente" ao problema que lles causaría aos veciños desas parroquias, que se verían privados da única subministración de auga para o consumo e o regadío con que contan actualmente; cousa que non foi recoñecida por Fomento na Declaración de Impacto Ambiental, a pesar das alegacións presentadas.
Carmen Moreira sinalou que Fomento ven de adxudicar á construtora San José ás obras a pesar de que se trata dunha empresa con problemas económicos (débeda de 1329 millóns de euros no ano 2014), que ten problemas para entregar en tempo as súas obras (como ocorreu na autovía da Costa da Morte) e que a oferta económica ocupaba o posto 13 nas condicións do concurso.
Relacionadas:
-
O BOE oficializa a adxudicación das obras da autovía A-57 a San José
Por Redacción |
-
Nin consulta popular sobre a continuidade de ENCE, nin paralización da A-57
Por Alejandro Espiño |
-
Salvemos a Fracha pide ‘cautela’ a Fomento e que non se ‘precipite’ coa A-57
Por Redacción |
-
San José construirá o primeiro tramo da Autovía A-57 por 59,5 millóns
Por Redacción |