Fuxe dun control policial en Poio por conducir sen permiso e acaba precipitándose por un terraplén
Por Alejandro Espiño
A Garda Civil detivo un veciño de Soutomaior, J.L.B.M., de 40 anos de idade, por delitos contra a seguridade viaria e desobediencia grave a axentes da autoridade. E todo iso por fuxir dun control de seguridade, situado no quilómetro 0,800 da estrada PO-310, entre Poio e Campañó (Pontevedra). Malia os sinais dos axentes, non detivo o seu vehículo e deuse á fuga.
Os axentes realizaron o seguemento do turismo, un Citroen Xantia, a unha distancia prudencial e facendo uso de sinais acústicas e luminosas para que se detivese. Pero o fuxido seguiu desobedeciendo ditas ordes. Circulou sen deterse durante uns dez minutos, nos que, de forma "manifiestamente temeraria", segundo a Garda Civil, percorreu uns doce quilómetros.
Durante a súa fuxida dos axentes, provocou danos noutros dous vehículos que circulaban no seu sentido de marcha, pero por sorte os seus ocupantes resultaron ilesos.
O fuxido só se detivo á súa chegada á parroquia pontevedresa da Canicouva, pero porque o seu vehículo saiuse da vía e caeu a unha leira desde unha altura duns dous metros. O condutor, único ocupante de dito turismo, resultou ferido leve. Foi trasladado en ambulancia ao Hospital de Montecelo e custodiado en todo momento por unha patrulla da Benemérita.
Unha vez dado de alta médica foi conducido ás dependencias da Garda Civil, detido como suposto autor de senllos delitos contra a seguridade viaria por condución temeraria e facelo tendo o permiso de condución retirado, e outro por desobediencia grave a axentes da autoridade.
O detido, ao que lle constan amplos antecedentes policiais, pasará mañá martes a disposición xudicial no Xulgado de Instrución número 1 de Pontevedra.