Carmela Silva reivindica o protagonismo das mulleres no seu primeiro acto como presidenta da Deputación
Por Oskar Viéitez & Cristina Saiz
A presidenta da Deputación, Carmela Silva, quixo que o seu primeiro acto como titular da institución provincial tivese as mulleres como protagonistas. Así na Praza de Concepción Areal de Pontevedra, un grupo de 150 mulleres de distintos ámbitos profesionais arrouparon a Carmela Silva nun discurso no que proclamou que "non hai progreso sen mulleres".
A primeira muller presidenta da Deputación, en nome do novo goberno provincial e atendendo ao "compromiso coas políticas de igualdade", convocou neste acto para reivindicar a que quere que sexa "un dos sinais deste goberno".
"Estou sorprendida e agradecida pola extraordinaria convocatoria que tivo este acto", dixo Carmela Silva, que tamén defendeu que os políticos teñen que estar en "máis na rúa e menos nos despachos".
O segundo grande acto que está organizando o novo goberno provincial é unha reunión con todos os concellos de menos de 20.000 habitantes. Será a próxima semana.
Deste modo atenden a outra das liñas esbozadas no discurso de Carmela Silva na súa toma de posesión no que anunciou que "os concellos van ser os protagonistas reais da política provincial e que a Deputación vai traballar ao seu lado e ao seu servizo".
PRIMEIRO DÍA DE TRABALLO
Este luns foi o primeiro día de traballo do novo goberno da Deputación. A xornada arrancou ben cedo cunha reunión do gabinete da presidencia, "composto por cinco mulleres e un home, extraordinarios," sinalou Carmela Silva.
A continuación os deputados socialistas mantiveron outra reunión organizativa das súas áreas "para coñecer cal é a situación e poder empezar a tomar decisións".
Tamén se presentaron ante os traballadores dos distintos departamentos do Pazo provincial. "Era a miña obriga facelo, comentou a presidenta, "eu creo que se sentiron satisfeitos", engadiu despois de valorar este percorrido como "agradable e moi cordial".
RENUNCIA SOLDO
Carmela Silva renunciará ao seu cargo como deputada no Congreso unha semana antes do pleno que terá lugar os días 25 e 26 de agosto, será entón cando o PSOE poderá elixir o membro que a substituirá na mesa.
A presidenta pontevedresa esperará ata esa data para "non deixar baleiro" o posto do Partido Socialista neste órgano e aínda que "legalmente son cargos compatibles" Silva asegurou que toma esta decisión porque me quero dedicar ao 100% " ao traballo da Deputación.
Iso si, este luns trasladou a súa renuncia ao salario que percibía pola Cámara baixa, unha decisión que se adopta "coa data do día en que tomei posesión" do cargo de presidenta da institución provincial.
MANCHAR A POLÍTICA
A presidenta da administración provincial tamén comentou que como "é a miña obriga" o vai "revisar todo, do A ao Z". É dicir, compromisos adquiridos, adxudicacións, contratos plurianuais, disposición presupostaria e demais cuestións "de arriba abaixo", insistiu.
Ademais asegurou que o farán "sen ningún ánimo revanchista" e asegurou que "desprezo profundamente a forma de facer política na que o primeiro que se fai é manchar a imaxe da propia política", defendendo a xestión pública como unha das actividades "máis importantes".
Relacionadas:
-
O novo goberno da Deputación dotará á oposición de "recursos suficientes" para facer o seu traballo de control
Por Oskar Viéitez |
-
Rueda advirte ao novo goberno da Deputación: "Se empezamos unha guerra competencial os que saen perdendo son os cidadáns"
Por Oskar Viéitez |
-
Sen sorpresas. Carmela Silva presidenta da Deputación
Por Oskar Viéitez & Cristina Saiz |
-
Louzán, sobre o acordo BNG-PSOE: "Haberá unha parte do Goberno que di unha cousa e outra que di xustamente a contraria"
Por Natalia Puga |
-
Acordo entre PSdeG-PSOE e BNG para gobernar a Deputación de Pontevedra
Por Alejandro Espiño | Creada e actualizada