O BNG reta á oposición a atopar unha alternativa "máis económica" ao uso da praza de touros
Por Alejandro Espiño
Foi un asunto que xerou moita controversia o verán pasado e, ante a inminente celebración da feira taurina da Peregrina, volveu xurdir. O convenio entre a praza de touros e o Concello de Pontevedra, mediante o cal este utiliza as súas instalacións para diferentes actividades, chegou este luns ao Pleno municipal. Foi por unha moción de Marea, na que se instaba o goberno municipal a rescindir o devandito acordo.
Segundo Luis Rei, esta cesión de uso é unha "escusa" para seguir apoiando a celebración de corridas de touros en Pontevedra, xa que a praza "non é necesaria" para ningunha das actividades que o Concello organiza nela, nin sequera a xusta medieval da Feira Franca. A esta "subvención encuberta", que ascende a 47.500 euros anuais, sumaríanse os beneficios da xestión da cantina durante a celebración destas actividades.
O voceiro de Marea explicou que con esta moción, na que ademais se pedía a declaración de Pontevedra como concello amigo dos animais e que non se permita a celebración de ningún tipo de espectáculo que supoña maltrato animal, "brindamos ao BNG a oportunidade de expiar o fariseísmo" e facer na cidade "o que predica no resto do país".
Esta proposta foi apoiada por Ciudadanos, a quen este gasto lle parece excesivo, e polo PSdeG-PSOE. A súa voceira neste asunto, Paloma Castro, coincidiu en que este acordo debe rescindirse, independentemente de que se poida asinar con posterioridade algún contrato puntual de aluguer, "pero con criterios claros e sen privilexios". Todo para ir logrando que as corridas de touros tendan a ser "residuais", pero sen que sexan prohibidas expresamente.
Pola súa banda, César Mosquera foi quen defendeu, por parte do BNG, a existencia deste convenio cos empresarios que explotan a praza de touros de San Roque. E iso que, apuntou, no seu partido "fomos os primeiros en opoñernos aos touros", pero recordan que se trata dun espazo privado e, en todo caso, quen ten competencias para prohibilas é a Xunta de Galicia. "Nós nunca colaboramos con eles e non o imos a facer agora", dixo.
Asegurou que levamos anos buscando se hai alternativa" para usar outros espazos na Feira Franca, a cabalgata de Reis, o Entroido, as Festas do Verán ou a Ruta Cabalar, pero esta é "moitísimo máis barata" que calquera das consultadas. "É iso ou nos cargamos a xusta da Feira Franca", puxo como exemplo. Aínda así, retou á oposición a que "se alguén atopa onde facer a xusta polo custo que temos na praza, problema resolto".
Tampouco avalou esta moción o Partido Popular, aínda que Jacobo Moreira coincide con Marea en que se trata dunha "subvención encuberta", porque se se paga iso polo aluguer "é unha estafa". De feito, aproveitou para pedirlle ao BNG que diga con "toda transparencia" que financia os touros en Pontevedra, unha actividade que, sinalou, "é moi importante para Pontevedra" polo movemento económico que xeran asistentes "chegados de toda Galicia".
Relacionadas:
-
PXOM por partida dobre no Pleno municipal
Por Alejandro Espiño |
-
Nin consulta popular sobre a continuidade de ENCE, nin paralización da A-57
Por Alejandro Espiño |
-
Completan os trámites esixidos pola Xunta para ceder os terreos dos novos xulgados
Por Alejandro Espiño |
-
Os antitaurinos solicitan un encontro con Lores
Por Redacción |
-
Cal é a postura dos partidos políticos ante a continuidade das touradas?
Por Redacción |