Respiro pontevedrés para nove nenos saharauís
Por Cristina Saiz
O Concello de Pontevedra brindou este mércores unha recepción aos nove nenos saharauís que pasarán dous meses de verán cunha familia de acollida do municipio.
En toda Galicia son un total de 304 menores do pobo saharauí os que gozarán deste tempo de respiro, grazas ao programa "Vacacións en Paz" da asociación Solidaridade Galega co Pobo Saharaui, segundo explicou o delegado do pobo saharauí en Galicia, Habibullah Mohamed quen aproveitou a presenza do alcalde para recordar que o Sahara segue baixo a tutela política do Estado español que, como membro do Consello de Seguridade, ten "la responsabilidad de reclamar el fin de la colonización" deste.
Fernández Lores respondeu que "desgraciadamente estamos en una sociedad globalizada pero poco solidaria" e ofreceu o apoio do Concello á súa causa por un Sahara libre.
Este programa de acollida estival permite aos pequenos non só que gocen do verán lonxe dos case 50 graos centígrados que marca o termómetro no deserto, senón que tamén inclúese dentro dos obxectivos a atención sanitaria.
Algúns dos nenos que hoxe acudiron ao despacho do alcade repiten verán na cidade, xa que con este proxecto poden seguir vindo como máximo ata catro veráns seguidos. Non obstante, para outros é o seu primeiro ano e compartían co alcalde o seu entusiasmo pola praia e as piscinas.