"A solución aos afectados polas preferentes tena o Goberno"
Por Redacción
A solución aos afectados polas preferentes tena o Goberno, esa é a resposta que trasladou a viceportavoz da Comisión Económica no Congreso, Irene Garrido, ao grupo de afectados polas participaciones preferentes e débeda subordinada nun encontro mantido no Concello de Sanxenxo.
A entrevista prolongouse durante case tres horas e ademais dos protagonistas xa citados estiveron presentes a alcaldesa de Sanxenxo, Catalina González, a de Ribadumia, Salomé Peña, e o regidor de O Grove, Miguel Pérez.
Os afectados reiteráronlles os argumentos xa coñecidos "que non eramos inversores, senón aforradores, que nos roubaron o diñeiro" e reclamaron a devolución dos seus cartos, informou un voceiro da Plataforma de O Salnés.
Segundo estas mesmas fontes, pola súa banda, Irene Garrido Valenzuela admitiu que únicamente o Goberno pode resolver este problema, comprometéndose con eles a trasladar a súa demanda de que se manteña a arbitraxe, como unha vía de saída para recuperar parte dos seus aforros, sobre todo desde que saben que Novagalicia Banco pagará as preferentes con accións desde febreiro, pero cunha quita do 50 % a todos aqueles que non logren recuperar o seu diñeiro pola vía da arbitraxe.
Non foi este o único compromiso, a viceportavoz da Comisión Económica no Congreso solicitará que se designe a unha persoa para que manteña informados aos afectados de todos os pasos que se dean.
Ademais de Irene Garrido desde o Concello de Sanxenxo solicitáronse entrevistas ao presidente da Deputación, Rafael Louzán, ao seu homólogo na Xunta, Núñez Feijóo, e a Mariano Rajoy.