Abren o prazo para a adxudicación dos 43 postos do novo mercadiño de Seixo
Por Redacción
Tras modificar o regulamento municipal de venda ambulante para poder establecer en Seixo un novo mercado, o goberno municipal abriu o prazo para recibir as solicitudes dos interesados en lograr un dos 43 postos que se prevén habilitar inicialmente.
A data límite para a presentación de solicitudes será o 4 de agosto e deberanse presentar no rexistro do Concello de Marín. Posteriormente, celebrarase o sorteo público onde se darán a coñecer os nomes dos adxudicatarios.
Este mercado instalarase na rúa Camiño Vello e celebrarase todos os sábados do ano de 15:30 a 20 horas, estendéndose ás 21 horas de maio a setembro. En caso de necesidade, prevese a ampliación na rúa Acceso ao Grupo Escolar.
Trátase dunha iniciativa da Asociación de Comerciantes e Empresarios de Marín Sur (ACEMAS) coa que colabora o Concello de Marín. Con ela, buscan dinamizar a actividade comercial e hostaleira da parroquia de Seixo.