O novo organigrama da Deputación supón un aforro dun 45% sobre o antigo do PP
Por Oskar Viéitez & Cristina Saiz
O goberno bipartito da Deputación de Pontevedra aprobou co apoio do PP e a abstención do representante de Son-Marea Vigo a súa nova estrutura de organización.
Como anécdota destacou a ausencia do anterior presidente da Deputación, o deputado popular, Rafael Louzán, que non acudiu á cita plenaria convocada con carácter extraordinario e urxente.
A sesión estivo caracterizada polo consenso e o bo ambiente político.
Segundo os acordos adoptados hoxe os plenos da corporación pasarán a ser o último venres de cada mes as doce horas. As comisións informativas celébranse tamén o venres anterior ao pleno.
As comisións sofren unha redución considerable ao pasar das 13 que se tiñan na anterior lexislatura as dez actuais.
DEDICACIONS EXCLUSIVAS
Con respecto as dedicacións exclusivas, no goberno de Rafael Louzán existían catro e agora van pasar a dous para o equipo de goberno, entre elas a da Presidenta, e tres dedicacións que vai contar o Partido Popular na oposición.
Destacar que na anterior lexislatura o oposición conformada polos PSdeG-PSOE e o BNG non contaba con ningunha liberación.
No que respecta ao gabinete de presidencia, o anterior goberno do PP contaba con sete persoas e tres secretarias e o novo equipo de Carmela Silva reduce a cinco persoas e dous secretarias.
O reparto dos administrativos queda tal e como estaba na anterior corporación contando o grupo maoritario da oposición do Partido Popular con tres persoas; o PSdeG-PSOE dúas persoas e o BNG con unha.
O aforro acadado polo goberno da nova corporación é dun 45% sobre o antigo do PP
En total o aforro acadado polo goberno da nova corporación é dun 45% sobre o antigo do Partido Popular. Este aforro inclúe os órganos de goberno, comisións informativas e xunta de goberno.
CONSENSO
O voceiro do grupo provincial do PSdeG, Carlos Font, subliñou o "aire fresco" que, ao seu xuízo, supuxo o relevo no goberno da Deputación que supoñerá "un cambio político radical".
Carlos Font defendeu que este novo organigrama estará caracterizado pola "modernización, eficacia, eficiencia y racionalidad, frente al modelo anterior", no que se recortan as áreas de goberno de 13 a 10 e destacou que "la oposición debe sentirse cómoda" coa proposta aprobada xa que lles asigna unha "dotación suficiente de medios".
O vicepresidente e voceiro do BNG, César Mosquera, destacou que os cargos de confianza do goberno son "expertos de recoñecida solvencia" e comentou que fronte ao modelo do anterior goberno no que "todo pilotaba sobre o presidente" agora se formulou unha "descentralización elevada" que desexou que non fose un "bandazo excesivo".
A voceira do grupo provincial do PP, Nidia Arévalo, tendeu a man ao goberno provincial para "traballar e consensuar" e asegurou que estarán "expectantes e vixiantes" para que "o que se conseguiu nestes anos non vaia para atrás".
Pola súa banda o único deputado de Son Marea Vigo, Xosé Lois Jácome, anunciou a súa abstención tras expresar verbalmente o seu "voto de confianza" no novo goberno.
Para pechar o pleno a presidenta Carmela Silva celebrou este consenso como "unha boa noticia" e agradeceu este talante a todos os deputados.
Relacionadas:
-
A Deputación de Pontevedra constitúe a súa nova Xunta de goberno
Por Redacción |
-
A Deputación substitúe os 56 programas de axudas aos pequenos concellos por un fondo local de investimentos
Por Oskar Viéitez |
-
O novo goberno provincial convoca aos alcaldes dos pequenos concellos
Por Redacción |
-
O PP contradí ao novo goberno da Deputación e asegura que o custo do seu organigrama aumenta "nun 60%"
Por Redacción |
-
O novo goberno da Deputación dotará á oposición de "recursos suficientes" para facer o seu traballo de control
Por Oskar Viéitez |
-
Carmela Silva pide "lealdade institucional" a Feijóo e a Rueda ante as súas críticas ao novo goberno da Deputación
Por Oskar Viéitez |