O BNG presentou os seus catro asesores na Deputación de Pontevedra
Por Redacción
O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, César Mosquera, presentou este mércores aos asesores que traballarán cos deputados provinciais do grupo nacionalista, cos que se pretende "capitalizar á Deputación nunha serie de campos que entendiamos que estaban empobrecidos".
En materia de accesibilidade, incorpórase como asesor o arquitecto Jesús Aser Fole Osorio, un profesional ligado ao proxecto de cidade impulsado polo BNG en Concello de Pontevedra. Jesús Fole foi o arquitecto director do plan Urban e é o autor de máis dunha vintena de proxectos de rehabilitación de rúas e edificios do centro histórico, entre eles a recuperación da Casa das Campás, sede do vicerrectorado da Universidade de Vigo, e do Pazo de Mugartegui, sede do Conselo Regulador da Denominación de Orixen Rías Baixas.
A xornalista María Núñez Iglesias coordinará a área de comunicación. María Núñez foi ata hai pouco tempo a redactora xefe do Diario de Pontevedra e dela César Mosquera destacou o seu "gran perfil, sobrada experiencia e bo facer, para dar cumprida conta da tarefa que se lle encomenda".
O enxeñeiro químico, Carlos Pérez Losada, será responsable da área de residuos. O vicepresidente citou entre o seu extenso currículo a súa experiencia profesional no control de produción e calidade das plantas de compostaxe dependentes da Deputación de Barcelona. Ademais foi director da Planta de Compostaxe de Castelldefels, Director Técnico de Procesos e Proxectos da empresa Metrocompost, Director e responsable da posta en marcha das plantas de compostaxe de Torrelles de Llobregat, do Vallés Oriental (Granollers), de Sant Cugat del Vallés (Barcelona), Montoliú de Lleida (Lleida), Alcázar de San Juan (Ciudad Real), Burgos, Segovia, Mirabel (Cáceres). E ata agora era Director técnico do departamento de "I+D Tratamentos Biolóxicos" da empresa Ros Roca S.A.
Finalmente o BNG tamén nomeou ao novo Director da Cidade Infantil Príncipe Felipe, José Ramón Couto Fariña, que ata agora traballaba como director do Instituto Torrente Ballester de Pontevedra do que estivo á fronte dende xullo do 2002. Antes desempeñara cargos directivos en diversos centros educativos.
José Ramón Couto asegurou que o seu novo negociado se pode definir como "un complexo singular ou unha singularidade complexa", tanto no marco das demais deputacións provinciais galegas, como pola súa estrutura e a diversidade de servizos que acolle. Couto realizou o luns a súa primeira visita ás instalacións, que non tiñan equipo directivo dende hai tempo, e manifestou a súa intención de coñecer de forma profunda todo o traballo que alí se fai "para non deseñar cousas que logo non se sabe se van encaixar, e ter garantías de profesionalidade e eficiencia".