Amigos de Pontevedra entrega os seus premios aos máis destacados da cidade
Por Diego Torrado
A asociación Amigos de Pontevedra volveu cumprir cun acto típico do sábado de inicio das Festas da Peregrina, a entrega dos premios que este colectivo ofrece a aquelas persoas físicas e entidades que máis colaboraron pola cidade durante os últimos tempos.
José Luis Arellano, presidente do Gremio de Mareantes, recibiu o seu galardón despois das palabras do encargado de realizar a descrición nesta cerimonia que se desenvolveu no Pazo da Cultura despois dunha comida na que estiveron presentes os premiados, ademais do alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores.
A traxectoria do bar Pitillo, que leva funcionando como establecemento dende hai 75 anos tamén foi valorada polo colectivo que entregou o premio ao seu propietario José Ramón Fariña.
A representante de Hifas da Terra, Catalina Fernández de Ana, recolleu o seu galardón mostrando o seu orgullo polo recoñecemento que supón para esta empresa especializada no cultivo ecolóxico de diferentes variedades de cogomelos.
O presidente do Colexio de Médicos de Pontevedra, Luis Campos Villarino, tamén se mostrou moi feliz por recibir o premio por parte dunha asociación que leva 44 anos realizando este acto de recoñecemento e tivo palabras de cariño cara á figura do médico pontevedrés Diego Murillo.
A continuación, o presidente da Asociación O Castro, Santiago Laya, recibiu o distintivo polo seu traballo durante un cuarto de século organizando unha cita gastronómica de relevancia como é a Festa do Caldo de Mourente.
Xa por último, o Colexio de Avogados de Pontevedra e o grupo de rock Black Stones tiveron tamén o recoñecemento dos presentes polo traballo que levan realizando dende que iniciaron as súas actividades.