Alfonso Rueda arrefría os plans do Concello para converter en viveiro de empresas a vella sede da Xunta en Benito Corbal
Por Oskar Viéitez
O vicepresidente da Xunta de Galicia e conselleiro de Administracións Públicas e Xustiza, Alfonso Rueda, arrefriou os plans do goberno local de Pontevedra para converter en viveiro de empresas a vella sede da Xunta en Benito Corbal.
O alcalde capitalino, Miguel Fernández Lores, expuxo o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, a idea de aproveitar este edificio sen uso dende hai case sete anos, para usos vinculados ao campus universitario.
Alfonso Rueda recordou que este inmoble estaba incluído nun convenio "a tres bandas entre tres administracións" polo que sería recualificado para vivendas co fin de proceder á súa venda no mercado inmobiliario e sufragar así o novo completo administrativo autonómico de Campolongo.
"Dende logo a Xunta de Galicia cumpriu todos os seus compromisos", destacou Rueda respecto ao que se fixo na zona onde agora esta a Delegación de Campolongo e á cesión do inmoble que ocupa agora o Concello na rúa Michelena. Pero o vicepresidente galego reprochou ao goberno local que incumpriu a súa parte do convenio respecto á recualificación do inmoble, para pasar a ser chan residencial, de modo que se poidan construír vivendas.
Non obstante no ano 2013 a Xunta interrompeu a recualificación ante a escasa edificabilidade residencial que formula o Concello para substituír ao inmoble actual ao admitirse no soar menos de 15 vivendas.
Este xoves Alfonso Rueda insistiu en que "o destino final do edificio da rúa Benito Corbal xa o veremos, pero sempre partindo das obrigas que cada administración asumiu nese convenio" e que respecto ao Concello de Pontevedra "aínda están sen cumprir" e engadiu "sexamos serios as obrigas están para cumprilas".
VIVEIRO DE EMPRESAS
O número dous do Executivo galego tamén puxo en dúbida o proxecto de incubadora de empresas ligado ao Campus Universitario, "habería que ver se a Zona Franca está disposta, se está polo labor, se hai financiamento para iso".
Rueda mesmo recordou "outras experiencias anteriores" de promoción de viveiros de empresas do Concello de Pontevedra "que non tiveron moito éxito".
Referíase o vicepresidente ao viveiro municipal de Santa Clara, "que era unha superficie menor" e insistiu que o de Benito Corbal é "un edificio enorme, se non se encheu aquela, ao mellor non se pode encher este... ", dixo.
En todo caso Alfonso Rueda asumiu que teremos que falar co concello de Pontevedra e concretar exactamente o que quere" tendendo en conta "se hai viabilidade para iso e se realmente os usos que pretendía a Xunta teñen obxecto agora".
Finalmente concluíu Rueda que para chegar a acordos entre administracións "hai que ter en conta ao que nos comprometemos cada un, e o Concelo de Pontevedra sabe cuales eran os compromisos iniciais. Se agora os quere cambiar xa veremos se é posible".
Relacionadas:
-
A antiga sede da Xunta en Benito Corbal conta ao fin cun proxecto para a súa rehabilitación
Por Diego Espiño |
-
Lores buscará o respaldo da Corporación para reclamar a Feijoo que ceda o edificio de Benito Corbal
Por Oskar Viéitez |
-
O Concello, á espera da autorización da Xunta á cesión do seu edificio en Benito Corbal
Por Alejandro Espiño |
-
Os voceiros municipais só se puxeron de acordo para desconvocar o Pleno de agosto
Por Cristina Saiz & Oskar Viéitez |
-
Feijóo e Lores chegan a un principio de acordo para pagar a débeda con Sogama
Por Oskar Viéitez |
-
Louro propón situar o viveiro de empresas da Universidade no edificio da Xunta en Benito Corbal
Por Redacción |
-
Un centro cívico social e cultural, proposta do BNG para o vello edificio da Xunta en Benito Corbal
Por Alejandro Espiño |