O Concello critica que "nin Fraga se atreveu a tanto" como a Xunta actual ao equiparar a situación de ENCE e Elnosa
Por Natalia Puga
"Elnosa está nunha situación moi similar á que se encontra Ence". Estas declaracións que realizou este martes en Pontevedra o conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, non sentaron ben no Concello capitalino, que ve "sorprendente" o "empeño que hai no Goberno da Xunta e do Estado para manter o complexo Ence-Elnosa na situación actual".
Este mércores, 24 horas despois das declaracións de Conde, a concelleira de Urbanismo de Pontevedra, Carme da Silva, valorou que dicir que a situación de ambas as dúas factorías no complexo industrial de Lourizán é análogo é o mesmo que "non querer recoñecer a realidade".
A concelleira ve nas declaracións do conselleiro un respaldo á continuidade de Elnosa de tal magnitude que "nin Fraga se atreveu a tanto" naquela época na que paseaba polo complexo de Lourizán acompañado polo ex presidente de Ence, José Luis Méndez. Abrir a porta a que se manteña na súa situación actual é, na súa opinión, apostar por manter unha "bomba de cloro" nunha situación na que ningunha sociedade se atrevería. Recorda que tanto Ence como Elnosa se situaron en Lourizán "en contra da poboación" e asegura que se manteñen alí na actualidade "en contra da poboación".
Da Silva recorda que Elnosa está "nunha situación de fora de ordenación", ten a Autorización Ambiental Integrada anulada polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), está pendente dun plan industrial "inexecutable" e do PERI e o seu mantemento na súa situación actual en Lourizán é "contraria ás Directrices de Ordenación do Territorio e do POL". Tras enumerar todas estas circunstancias, insiste en que "non é certo" que a súa situación sexa similar á de ENCE.
A responsable de Urbanismo ve "inexplicable" que a Xunta de Galicia abra a porta á permanencia da fábrica de cloro en Lourizán, pois mantela aí é, na súa opinión, "xogar coa seguridade dos veciños da Ría de Pontevedra" e espera que estas declaracións do conselleiro de Economía e Industria "non signifique que empecen a tramitar un expediente de ordenación do territorio" para consolidala. Ante esta futurible situación, xa avanza que o Concello seguirá loitando con "todos os medios legais" posibles para conseguir que tanto Ence coma Elnosa deixen a Ría de Pontevedra.
Relacionadas:
-
O comité de empresa de Elnosa acusa a Lores de mentir sobre o que precisa a fábrica para seguir na ría
Por Anxo Lourido |
-
Carmela Silva evita pronunciarse sobre a permanencia de ENCE na Ría de Pontevedra
Por Natalia Puga |
-
O alcalde rexeita unha entrevista coa dirección de Elnosa porque "non hai nada de que falar"
Por Redacción |
-
Defensa da Ría acusa á Xunta de "dobregarse aos intereses de Elnosa"
Por Oskar Viéitez |
-
O conselleiro de Industria asegura que "Elnosa está nunha situación moi similar á que se encontra Ence"
Por Oskar Viéitez |
-
Os traballadores de Elnosa protestarán na campaña electoral do PP para reclamar a súa permanencia na ría
Por Redacción |
-
Os traballadores de Elnosa esixen o mesmo trato que os de ENCE
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |