Defensa da Ría acusa á Xunta de "dobregarse aos intereses de Elnosa"
Por Oskar Viéitez
A Asociación pola Defensa da Ría de Pontevedra (APDR) emitiu un comunicado no que acusa a Xunta de Galicia de "dobregarse aos intereses de Elnosa", a raiz do cambio de postura expresado polo conselleiro de Industria cando abriu a porta á permanencia da cloreira na ría se cumpre as leis europeas.
Defensa da Ría recorda que no seu día xa cualificara de "papel mollado" o convenio asinado polo goberno de Núñez Feijóo que poñía data á fin de Elnosa na ría e formulaba un calendario para desmantelar a electroquímica.
"Supuña de feito unha burla para a cidadanía da comarca", sinala a asociación ecoloxista que di ter sido consciente dende o principio que ese acordo "non comprometía a nada aos directivos de Elnosa e que, tarde ou cedo, a Xunta daría marcha atrás nas súas posicións deixando sen efecto o mesmo".
"Onde quedou aquel pomposo 'cesamento de maneira improrrogábel' do que tan orgulloso se sentía Agustín Hernández? ", pregúntase a Apdr.
Segundo Defensa da Ría tanto Ence coma Elnosa "ditan a lexislación ambiental para a Ría de Pontevedra e a Xunta limítase a obedecer".
Os ecoloxistas recordan que Elnosa, para cumprir a lei, tiña que ter presentado fai xa moito, o plan de modificación da produción á tecnoloxía de membrana, "unha esixencia dá Unión Europea que aínda hoxe non cumpre e que debería ser causa abondo para a nulidade dá súa Autorización Ambiental Integrada".
Finalmente dende a APDR ironizan coas palabras conselleiro Francisco Conde cando asegura que Elnosa está nunha situación moi similar á que se encontra Ence "en efecto, tanto na dirección dunha coma da outra, existen persoas que teñen relacións familiares cun alto cargo da Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia, unha situación que -sen dúbida- resulta chave para que todas ás irregularidades que aquí denunciamos se poidan seguir producindo con absoluta impunidade".
Relacionadas:
-
O goberno local cualifica de "crime contra a Ría de Pontevedra" a solicitude de prórroga presentada por ENCE
Por Oskar Viéitez |
-
O Concello critica que "nin Fraga se atreveu a tanto" como a Xunta actual ao equiparar a situación de ENCE e Elnosa
Por Natalia Puga |
-
O conselleiro de Industria asegura que "Elnosa está nunha situación moi similar á que se encontra Ence"
Por Oskar Viéitez |