Cuntis deixa de celebrar a festa da Belle Époque por falta de orzamento
Por Redacción
A Concellería de Cultura e Patrimonio de Cuntis decidiu que non organizará este ano a festa Bèlle Epòque, que cada mes de setembro regresaba aos ano 20 na vila termal, por falta de fondos económicos.
O concelleiro, Enrique Portela Pisos, explica que a situación económica do seu departamento é negativa, pois non ten presuposto ata finais de ano debido, segundo asegura, á "nefasta xestión levada a cabo polo Partido Popular, o cal despilfarrou todo o presuposto anual en determinados eventos cuxa repercusión foi escasa para Cuntis".
Esta situación leva a Cultura a establecer unha nova programación que conleve o menor custo posible. No caso da Bèlle Epòque, organizar a festa cando non existe presuposto "sería hipotecar o resto da actividade cultural ata finais de ano". De todos os xeitos, dende a Concellería abren a porta a que outras asociacións e particulares asuman a organización do evento buscando fontes de financiamento alternativas aos fondos públicos.
Segundo indica, as contas demostran que a Bèlle Epòque ten "uns beneficios relativos" se se compara coa "enorme cantidade de diñeiro invertido na mesma"; así coma o escaso rigor histórico que o concelleiro asegura que ten a celebración, cuxo ambiente e escenario non se corresponde coa realidade de Cuntis no momento histórico que pretende recrear.
O concelleiro tamén anuncia que o mes de outubro será declarado coma o Mes da Recuperación da Memoria Histórica, cunha serie de actos que pretenden a restauración da memoria dos cuntienses que sufriron a represión da ditadura franquista.
Relacionadas:
-
Cuntis regresa á Belle Époque
Por Almu Dapena |
-
Comerciantes e hostaleiros de Cuntis rescatan a Festa da Belle Époque
Por Redacción |
-
Suspenden todos os actos previstos en Cuntis como homenaxe á Monxa do Penedo
Por Redacción |
-
A puxanza económica da Belle Époque trasládase a Cuntis
Por Redacción |
-
Todo listo en Cuntis para regresar aos anos 20 coa III edición da festa Belle Epoque
Por Redacción |
-
Volve a Belle Epoque a Cuntis
Por Alejandro Espiño & Diego Torrado |