Carmela Silva evita pronunciarse sobre a permanencia de ENCE na Ría de Pontevedra
Por Natalia Puga
A presidenta da Deputación Provincial de Pontevedra, Carmela Silva, evita facer pública a súa opinión e a da institución que preside despois das eleccións municipais do 24 M en relación co futuro da empresa Ence na súa situación actual de Lourizán. A socialista rexeitou ante os medios de comunicación posicionarse sobre a permanencia da pastera na Ría apelando a que de forma inmediata manterá unha reunión co alcalde capitalino, Miguel Anxo Fernández Lores, na que abordará este e outros asuntos.
Carmela Silva non quixo valorar o acordo da Xunta de Goberno local de Pontevedra de instar a Xunta de Galicia a que emita un informe desfavorable sobre a solicitude de prórroga que presentou ENCE para continuar en Lourizán. Asegura que non fala "por respecto" á autonomía municipal e á capacidade de decisión dos concellos, pois ela respecta todas as decisións que adopta o Concello de Pontevedra e "por respecto, eu non debo involucrarme naquilo que non me compete".
A presidenta provincial insistiu en que "eu non vou sobrepasarme para nada do que son as miñas competencias", de aí que non fale dese acordo da Xunta de Goberno local. Sobre a permanencia da pastera á marxe dese acordo recente de Pontevedra, quixo matizar que "eu ou que digo é que vou falar de todo isto co alcalde" porque el é "o interlocutor de Pontevedra coa Deputación".
A preguntas dos xornalistas indicou que non é que non teña unha opinión sobre o tema, senón que "si que teño moita posición sobre moitos temas", pero non lle compete a ela falar, senón ao alcalde capitalino. Para soster esa postura de evitar posicionarse sobre o asunto, a presidenta provincial insistiu en que, en caso de falar sobre o particular, "estaría indo en contra do concepto que temos do que debe ser unha Deputación".
"Non ter incongruencias no discurso e na acción tamén é importante", de aí que xa avance que neste e outros asuntos actuará "sempre respectando o interlocutor" e, en todo caso, unha vez que se sente a falar con el. Con Lores sentarase a falar "de forma inmediata", pero tamén ten intención de reunirse cos 62 alcaldes da provincia. Matiza que se reunirá "non unha vez, senón moitas, todas ás que sexan necesarias" dentro da nova forma de xestionar a Deputación que puxo en marcha dende a súa chegada ao Pazo Provincial.
Esta forma de xgestión, que ela titula "con todos e para todos", estará marcada polo "respeto" e a "transparencia" e, en todo caso, lonxe da "arbitrariedade" que asegura que rexía antes o goberno do organismo provincial.
Relacionadas:
-
'Cumio' municipal sobre ENCE cos alcaldes de Bueu, Marín, Poio, Sanxenxo e Pontevedra
Por Natalia Puga |
-
Carmela Silva tira de hemeroteca para cargar tintas contra o PP sobre ENCE: "Cambiou radicalmente a súa postura"
Por Natalia Puga |
-
A Deputación, contra ENCE: Carmela Silva súmase á "ofensiva" de Lores para que "desapareza" da ría
Por Alejandro Espiño |
-
Esixen á Xunta que se "posicione" e emita un informe desfavorable á continuidade de ENCE
Por Alejandro Espiño |
-
O goberno local cualifica de "crime contra a Ría de Pontevedra" a solicitude de prórroga presentada por ENCE
Por Oskar Viéitez |
-
O Concello critica que "nin Fraga se atreveu a tanto" como a Xunta actual ao equiparar a situación de ENCE e Elnosa
Por Natalia Puga |