Conta aberta no comercio local para as asociacións integradas na Rede Axuda
Por Alejandro Espiño
Os problemas contables que algunhas asociacións tiñan cos donativos recibidos a través da Rede Axuda levou ao Concello de Pontevedra a idear unha solución. O diñeiro aportado por empresas e particulares servirán para abrir unha "conta aberta" no comercio local, de forma que cando unha asociación teña unha necesidade concreta se cubra con cargo a estes fondos.
Trátase, segundo a concelleira de Benestar Social, Carmen Fouces, de repartir ese diñeiro entre o pequeno comercio de Pontevedra para que estes fornezan ás asociacións de alimentos, roupa ou todo aquilo que necesiten para desempeñar o seu labor social. "E de paso fortalecemos ao comercio local nunha época complicada", sinalou a edil nacionalista.
ÿ unha das novidades da Rede Axuda para os próximos meses, xunto coa posta en marcha dunha nova campaña do banco de libros de texto. Articularase a través dos centros educativos, que serán os encargados de informar ás familias desta posible donación para que "a teñan en conta e coiden o material escolar, para que poida pasar a outras familias o curso que ven".
Ademais, a Rede Axuda abrirase a asociacións de veciños, consellos parroquiales e outras entidades que, malia non realizar axuda directa a colectivos desfavorecidos, poden colaborar para detectar problemas na atención a persoas en risco de exclusión social. Carmen Fouces explicou que se trata de crear "unha vía de información útil e áxil que alerte de situación de pre-emerxencia que xurdan en determinados lugares".
A responsable de Benestar Social concluíu agradecendo toda a colaboración recibida nestes últimos meses, entre a que destacou os 2.000 quilos de alimentos doados estes Nadal. Entre todos, conseguiron, dixo, que a Rede Axuda poña en contacto a todos os colectivos sociais de Pontevedra, "dando certa seguridade á xente para doar", e repartindo de forma proporcional todo o material doado.